O 15% das camas hospitalarias desmantélanse de xuño a setembro

Na Galiza é mellor non enfermar durante o verán

Aspecto dun cuarto nun centro hospitalario do SERGAS
Na Galiza temos poucas camas hospitalarias —apenas 3 por cada mil habitantes— se nos comparamos co promedio da UE —por volta de 5— ou se temos en mente as recomendacións da OMS —entre 8 e 10. Mais a situación aínda é peor no verán. Por volta de 1.000 prazas hospitalarias vense desmanteladas no período vacacional que vai de xuño a setembro. A Xunta di que ten todo baixo control e que a calidade asistencial está garantida. Os sindicatos e a Plataforma SOS Sanidade Pública ven no encerramento de camas unha deficiente planificación dos recursos por parte da Consellaría e as secuelas dunha década longa de recortes.

O SERGAS ten en nómina 35.000 persoas. Naturalmente teñen dereito a coller vacacións. O normal é que as desfruten nos meses que van de xuño a setembro. Iso acontece todos os anos. Non debería ser tan difícil planificar os recursos disponíbeis para que durante o verán non se produza unha mingua sensíbel dos servizos que se prestan á poboación galega a consecuencia do descanso vacacional dos profesionais da sanidade. E, porén, todos os anos soa a mesma música nos hospitais do país, a do desmantelamento de por volta de 1.000 camas. Fechan unidades enteiras e, o que é peor, fican tamén na inactividade un bon número de quirófanos.

"Xa temos un número de camas moi axustado. Moi por debaixo do promedio da UE", explica Manuel Marín, portavoz da Plataforma SOS Sanidade Pública. Os datos sinalan que Galiza ten algo máis de 3 camas por cada mil habitantes, índice levemente superior ao promedio estatal, mais a tendencia é moi negativa desde que goberna Feixoo, coa supresión acumulada de 900 prazas hospitalarias desde a chegada do político de Os Peares ao poder en 2009. "O argumento que dá a Administración para xustificar o encerramento de camas é o das vacacións do persoal. Mais ese argumento non é serio. Claro que se poden articular medidas para manter abertos todos os servizos!", engade Marín."Desde a Xunta atribúen todo o problema ás ferias do persoal, mais non coñezo ninguén que estea 4 meses de vacacións", afirma María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG Saúde.

Comecemos polo principio. A redución do número de profesionais. A ínfima cobertura da taxa de reposición. Durante anos só se cubría a praza dun de cada 10 profesionais da sanidade galega que se xubilaban. Cada vez menos persoal e cada vez con peores condicións, condenados en moitas ocasións a  unha lacerante precariedade. Contratos de días, de horas. "Onde está a clave do desmantelamento de camas? Claramente na política de contratación do persoal", analiza Abuín.

"Xa temos un número de camas moi axustado. Moi por debaixo do promedio da UE", explica Manuel Marín, portavoz da Plataforma SOS Sanidade Pública

Isto é, faltan médicas, faltan enfermeiras, faltan MIR a se formaren nos hospitais galegos. E logo chegan as ferias e non hai xeito de as cadrar sen reducir capacidade asistencial por falta de efectivos. "Non hai profesionais suficientes e tampouco hai MIR suficientes. Un médico demora en se formar 10 anos. Se ti convocas poucas prazas de MIR, logo tes o problema de un cadro de persoal que non dá atendido todas as necesidades durante os 12 meses do ano", afirma Javier Martínez, responsábel de Sanidade de UXT Galiza. De acordo cos datos que fornece este sindicato, durante o verán as camas que fican desmanteladas nos hospitais galegos son por volta de 15% do total. "Digamos que son camas en stand by, ou sexa, só se bota man delas se fai falta". Con outra política de persoal, poderiamos alcanzar un 100% de operatividade no parque de prazas hospitalarias. "Agora funciona máis menos 85% das camas e si poderiamos ter ese 100%. Iso sería o ideal, mais para iso teriamos que ofrecer outras condicións aos profesionais. Se o que ofreces é precariedade, os poucos que hai optan por procuraren traballo noutras comunidades autónomas ou no estranxeiro", relata Martínez.

Durante anos só se cubría a praza dun de cada profesionais da sanidade galega que se xubilaban

Falta de planificación, precariedade nas condicións laborais e políticas de recortes. Este último elemento da ecuación é posto en destaque por Manuel Marín. "O encerramento de camas é unha medida puramente economicista. Antepoñen o aforro dos salarios de persoal substituto daquel que está de ferias á calidade asistencial e á seguridade das persoas doentes. Esa é a clave que explica o desmantelamento de prazas hospitalarias durante o verán", xulga Manuel Marín, para quen a alternativa está clara e pasaría por destinar máis recursos á sanidade pública —no canto de os derivar á privada—e nomeadamente por fortalecer a atención primaria. "Hai que mellorar a calidade asistencial nos centros de saúde. É o xeito de reducir a presión sobre as urxencias e os hospitais. Necesitamos un modelo de atención primaria máis efectivo", di.

E necesitamos, enfatiza, un maior financiamento para o conxunto da sanidade pública. "O obxectivo nunca pode ser desmantelar camas durante o verán. O obxectivo debe ser incrementar o número de camas, até o pór á altura do promedio europeu", enfatiza.

Dicir que fechan as camas é simplificar o problema. Até certo punto é enmascaralo. "Non fechan só as camas. Fechan unidades inteiras. Plantas de cirurxía xeral e de cirurxía traumatolóxica", asegura Emilia Lamas, secretaria xeral de Sanidade de CC OO de Galiza. Algunhas plantas de cirurxía botan o fecho porque se encerran tamén quirófanos. "Por exemplo, en Santiago cerran 6 quirófanos e toda a cirurxía xeral ambulatoria. En Burela, un quirófono de urxencias e un de cirurxía programada", conta.

E que di a Administración? Ante todo moita calma. Se se desmantelan camas durante o estío é porque "en verán baixa bastante a actividade", sen que iso significa que se poña en risco "unha cobertura de alta calidade a todos os cidadáns", afirma o conselleiro de sanidade, Jesús Vázquez Almuiña. "Son mestres da propaganda", retruca María Xosé Abuín. "Non é posíbel manter a mesma calidade con menos oferta de camas. Non se pode facer máis con menos", replica. Hai un argumento que reforza o discurso dos sindicatos: o incremento poblacional que experimenta o país durante o período vacacional, nomeadamente na costa. "Agora vai resultar que durante o verán hai menos persoas enfermas crónicas que o resto do ano", ironiza Abuín.

Sería un erro focar o asunto do desmantelamento das camas durante o verán como un fenómeno isolado. "Ten a ver", explica Abuín, "coa deterioración xeral do sistema, coas políticas de recorte practicadas durante anos. Agora Feixoo anuncia a atención hospitalaria no domicilio, cando está a fallar a peza clave, a atención primaria. Naquelas zonas en que funciona unha atención primaria potente non hai unha presión excesiva sobre os recursos hospitalarios e a calidade asistencial é moito maior", di a secretaria de saúde da CIG.

"Agora vai resultar que durante o verán hai menos persoas enfermas crónicas que o resto do ano", ironiza Abuín.

Os sindicatos poñen, aliás, o acento en que un país que ten nas listas de espera un problema endémico non se pode permitir o luxo de recortar servizos hospitalarios durante o verán. "Hai unha evidencia empírica. As listas de espera en xuño [mes en que comeza o período vacacional] son moi inferiores ás que se rexistran en setembro. Iso é normal porque durante o verán hai moitas intervencións cirúrxicas que non se programan nos hospitais públicos", argúe Manuel Marín. Algunhas si que se realizan, para cumprir a lei que prescribe uns prazos determinados, mais non poucas delas desvíanse a centros privados. "Aquí é onde se ve que o Goberno Feixoo sempre ten en mente a potenciación da sanidade privada", critica Emilia Lamas.

"Os quirófanos que se fechan estes meses deberían aproveitarse para reducir as listas de espera", alega María Xosé Abuín. "Se non houbese xente a agardar por ser operada, poderiamos entender o encerramento de unidades cirúrxicas. Na actual situación non é de recibo", afirma Lamas.

Os sindicatos poñen, aliás, o acento en que un país que ten nas listas de espera un problema endémico non se pode permitir o luxo de recortar servizos hospitalarios durante o verán

Que haxa menos camas disponíbeis non só resulta no incremento das listas de espera, senón tamén na demora na realización de probas diagnósticas, o aumento das altas hospitalarias precipitadas ou o amoreamento das persoas doentes nos corredores dos servizos de urxencias, a clásica imaxe que simboliza os momentos de colapso do sistema. Exemplos hainos a moreas. "No hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo téñense rexistrado esperas en urxencia superiores ás 12 horas cando nese mesmo centro había un total de 215 camas inactivas", denuncia Manuel Marín.

Naturalmente, este estado de cousas ten provocado ao longo dos últimos anos non poucas mobilizacións e protestos por parte das xuntas de persoal dos complexos hospitalarios da Coruña, Lugo, Pontevedra, Ourense ou Vigo. A resposta da administración foi até agora nula, instalada no puro negacionismo do problema. A calidade asistencial está "garantida", ten afirmado o conselleiro Almuiña. Mais as camas e os quirófanos continúan fechados, as listas de espera aumentan (como o lucro dos hospitais privados que se benefician do desvío de doentes) e a precariedade das condicións laborais do persoal médico non remite.