Unha asociación animalista critica a Rapa das Bestas de Sabucedo malia supor a desparasitación dos cabalos

A Rapa das Bestas volveu este sábado a Sabucedo (A Estrada) após un ano de parón pola Covid (Foto: Arxina).
Os organizadores da Rapa das Bestas defenden a actuación dos aloitadores e a seguridade física e psíquica de animais e persoas, mentres que a entidade animalista considera que se actúa "á marxe de calquera lei".

A ONG naturalista Fundación Franz Weber (FFW) denunciou esta terza feira que Rapas das Bestas, como a de Sabucedo, no concello da Estrada, son realizadas "á marxe de calquera lei", debido a que non existe normativa sobre o trato aos animais, participación de menores nin dos aloitadores, encargados de cortar as crinas, en palabras da entidade.

Segundo sinala FFW nun comunicado, o trato recibido polos cabalos, que considera que son "golpeados, agarrados polos orificios nasais e tombados", leva a resaltar a inexistencia dunha normativa en en relación ás rapas.

No caso de Sabucedo, a rapa serve para desparasitar os cabalos salvaxes e para lles cortar as súas crinas, co fin de evitar que estas se enganchen na maleza. Tamén curan as posíbeis feridas que os animais teñan para evitar que se infecten e lles poidan causar a morte.

Os organizadores da Rapa das Bestas defenden a actuación e o trato que reciben os cabalos, desde o momento en que son recollidos do monte, días antes das xornadas para os desparasitar e cortar as crinas, até que os ceiban após o derradeiro curro.

Presenza de menores

Por outra parte, FFW advertiu do "risco" da participación de menores de idade, algo que debería ser obxecto "dunha profunda reflexión".

As orixes da Rapa en Sabucedo

A veciñanza desta parroquia da Estrada cre que xurdiu dunha gran peste que afectou a comarca de Tabeirós-Terra de Montes.

Dúas irmás de Sabucedo ofrecéronlle ao patrón da parroquia, San Lourenzo, un par de bestas da súa propiedade se as defendía da epidemia. Pasada a peste, as mulleres cumpriron o seu ofrecemento e doaron as dúas bestas ao párroco. Cos anos, os cabalos salvaxes multiplicáronse nos montes da bisbarra.

"Pódese dicir que esta tradición encontra certos apoios nalgúns topónimos que lle dan verosimilitude histórica", explica o teólogo e doutor en Filosofía Manuel Cabada Castro no libro A Rapa das Bestas de Sabucedo. Historia e antropoloxía dunha tradición (Ir Indo).

Mentres durou a peste, as dúas irmás, coñecidas como "as vellas", refuxiáronse nunha cabana próxima á aldea. Aínda hoxe se conserva o topónimo A Cabana, unha veiga próxima na que se atoparon pedras levantadas a modo de paredes. Carballeira das Vellas, Fonte das Vellas e Lebagueiras Vellas son outros dos lugares que chegan até nós.