A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública rexeita a Medalla de Galiza 2021

Interior do hospital (Sergas).
Considera "unha burla" a concesión desta medalla, coa que se pretende recoñecer o traballo do persoal da sanidade pública durante a pandemia, "mentres o Sergas perpetúa unhas condicións laborais de gran precariedade e inestabilidade", din.

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública vén de lanzar un comunicado de prensa para rexeitar publicamente a Medalla de Galiza 2021, que foi outorgada polo Goberno galego en "homenaxe" aos profesionais que están axudando a superar a pandemia da Covid-19 a través da vacinación.

Esta asociación considera "unha burla e unha manobra de márketing político", afirman, a concesión desta medalla coa que se pretende recoñecer o traballo do persoal da sanidade pública durante a pandemia, "mentres o Sergas perpetúa unhas condicións laborais de gran precariedade e inestabilidade e mantén os recortes salariais introducidos a partir do ano 2010", explican a través dunha nota de prensa.   

Condicións laborais "rebaixadas"

"Hai que recordar", proseguen, "que unha das primeiras medidas que adoptou Núñez Feixoo á súa chegada ao Goberno foi a de "conxelar os salarios ao persoal da Sanidade Pública Galega" durante os exercicios de 2010, 2011 e 2012. Esta decisión adiantou os recortes contemplados na Lei de Medidas de Estabilidade Orzamentaria que rebaixou as condicións laborais e retributivas de todo o persoal dependente das administracións públicas", explican.

Desde a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública tamén lembran que o persoal sanitario galego esixiu que o Goberno autonómico "aplicase no sistema sanitario público os Acordos de Mellora Salarial e o dereito a Carreira Profesional do persoal laboral e funcionario da Xunta de Galiza", que segue sen negociar un acordo (na Mesa Sectorial do persoal), segundo indican, "para devolver os recortes salariais e os cinco días de Libre Disposición, acumulados nese período".

Piden os "dereitos recortados"

Por último, na carta de rexeitamento da Medalla de Galiza 2021 a asociación tamén insta o Sergas a devolver "os salarios que o persoal tiña que ter percibido para equiparar as súas condicións o resto do persoal da Administración pública galega á media dos demais servizos de saúde do Estado español".

"Menos medallas honoríficas e máis medidas para devolver os dereitos recortados", conclúen no comunicado de prensa da Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública.

Medalla de Galiza 2021

O 25 de xullo o Museo Centro Gaiás, en Compostela, acolle o acto de entrega das Medallas de Galiza 2021. A Medalla de Galiza é "a máxima distinción de honra que concede a Xunta a persoas ou institucións que polos seus méritos ao servizo de Galiza en calquera aspecto da súa realidade social, cultural ou económica, sexan dignas de obter o recoñecemento do pobo galego".

No acto, que estará presidido por Felipe VI, recibirán a Medalla de Ouro de Galiza as persoas implicadas no dispositivo galego de vacinación fronte á covid-19.