Que podo facer a partir de hoxe no meu concello? A guía para non perderte

Imaxe dun control de mobilidade na Galiza. Foto Álvaro Ballesteros Europa Press

Galiza reabre hoxe novamente a hostalaría, aínda que con restricións, volve permitir encontros con non conviventes e estrea unha 'nova mobilidade' na meirande parte do territorio. Porén, permanecerán fechados perimetralmente 10 municipios, mentres que 106 terán limitacións e os restantes 197 poderán moverse entre eles.

Cos tres novos niveis de restricións que entraron en vigor esta sexta feira, día 26, a Xunta inicia a desescalada das medidas máis restritivas impostas desde o confinamento domiciliario, motivadas pola explosión de casos de coronavirus da terceira onda, tras as festas do Nadal.

Foi o pasado 26 de xaneiro cando o Goberno galego fechou perimetralmente os 313 municipios de forma individual, impuxo reunións só de conviventes e fechou ao público toda a hostalaría, entre outras medidas.

De acordo co criterio do comité clínico que asesora a Consellaría de Sanidade, Galiza recupera a mobilidade, as reunións e a actividade da hostalaría en función de tres niveis de gravidade da situación epidemiolóxica.

A máis restritiva para municipios con máis de 500 casos a 14 días por cada 100.000 habitantes, unha intermedia para aqueles que teñan entre 250 e 500 casos, e a máis laxa para os que estean por baixo dos 250 casos por 100.000 habitantes. A intención da Xunta é que estes criterios persistan para próximas decisións.

Adicionalmente, a estes parámetros súmaselle a presión hospitalaria e, en particular, a ocupación de camas UCI, de maneira que as áreas con maior presión tamén terán restricións adicionais ás básicas.

Con iso, o tres principais parámetros desta desescalada -reunións, hostalaría e mobilidade- non serán "homoxéneos" en todo o territorio, senón que estarán modulados en función da situación de cada área.

A listaxe de concellos revisarase dúas veces á semana, segundo informou onte a Consellaría de Sanidade.

Os tres niveis

Nun primeiro nivel, o máis restritivo, están os concellos que superan os 500 casos por 100.000 habitantes, onde seguirán rexendo as actuais normas: fechamento de hostalaría ao público, prohibidas reunións de non conviventes e fechamento perimetral municipal salvo causa xustificada.

No segundo nivel estarán os municipios nos que a incidencia se sitúa entre os 250 e os 500 casos por 100.000 habitantes, onde se permitirán reunións de até catro persoas non conviventes e a hostalaría poderá abrir as súas terrazas até unha ocupación máxima do 50% até as 18 horas.

Finalmente, un terceiro nivel establéceno aqueles municipios cunha incidencia por baixo dos 250 casos por 100.000 habitantes, onde se poderán reunir até catro persoas non convivientes e os bares e restaurantes abrirán ao 30% en interiores e ao 50% en exteriores até as 18,00 horas.

Tanto no nivel intermedio como no máis laxo, os habitantes poderán moverse entre municipios que teñan a mesma incidencia do virus, aínda que en ningún caso entrar nos que teñen máis de 500 casos. Tamén nestes dous niveis, permitiranse grupos de até catro non conviventes para a práctica deportiva, así como a reapertura de ximnasios e piscinas.

A excepción: tres áreas fechadas

A esta norma xenérica, con todo, a Xunta expón unha excepción: a das tres áreas cos datos UCI máis preocupantes, A Coruña, Ferrol e Pontevedra.

En concreto, estas tres áreas fecharanse perimetralmente, polo que non poderá entrarse salvo causa xustificada desde outros municipios ou saír cara a outras áreas sanitarias. Dentro delas, non se poderá entrar ou saír dos municipios na situación máis grave.

Con todo, os habitantes poderán moverse entre o resto dos concellos, independentemente de que a súa taxa sexa inferior a 250 casos ou estea entre os 250 e os 500.

Cales son os municipios afectados?

Segundo o estabelecido pola Xunta, Galiza arrinca este proceso con 10 concellos fechados, porque superan os 500 casos por 100.000 habitantes; outros 28 con mobilidade só entre eles (entre 250 e 500 casos nas áreas sanitarias de Santiago, Lugo, Vigo e Ferrol); e un total de 78 que só poderán moverse dentro da súa área sanitaria e nunca a municipios pechados (en Pontevedra-Salnés, Ferrol e A Coruña).

En concreto, os concellos que quedan fechados perimetralmente son: na área da Coruña: Corcubión, Curtis e Ponteceso; na área de Ferrol: Moeche; na área de Santiago: Toques; na área de Lugo: O Corgo e Guitiriz; e na área de Ourense: Gomesende, A Gudiña e A Peroxa.

Concellos que só se poderán mover dentro da área sanitaria (á que pertenzan) e só entre eles son: Área da Coruña (33 en total): Abegondo, A Coruña, Aranga, Arteixo, Bergondo, Betanzos, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Cambre, Carballo, Carral, Cee, Cerceda, Coirós, Coristanco, Culleredo, Dumbría, Fisterra, Irixoa, Laracha, Laxe, Malpica de Bergantiños, Miño, Muxía, Oleiros, Oza-Cesuras, Paderne, Sada, Sobrado, Vilamaior, Vilasantar, Vimianzo e Zas.

Área de Ferrol (19): Ares, A Capela, As Pontes, As Somozas, Cabanas, Cariño, Cedeira, Cerdido, Fene, Ferrol, Mañón, Monfero, Mugardos, Narón, Neda, Ortigueira, Pontedeume, San Sadurniño e Valdoviño.

Área de Pontevedra (26): A Lama, A Illa de Arousa, Barro, Bueu, Cambados, Caldas de Reis, Campo Lameiro, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Forcarei, Marín, Meaño, Meis, Moraña, O Grove, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra, Portas, Ribadumia, Sanxenxo, Soutomaior, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Finalmente, haberá mobilidade entre concellos das restantes áreas sanitarias que se atopan entre os 250 e os 500 casos. En concreto, serán: Área de Santiago (seis): Arzúa, Dodro, Frades, Ordes, Rois e Tordoia; area de Lugo (oito): A Pobra do Brollón, A Pontenova, Baralla, Guntín, Monforte de Lemos, Outeiro de Rei, Rábade e Sober; área sanitaria de Ourense (11): A Mezquita, A Merca, Bande, Beade, Celanova, Punxín, Sandiás, Taboadela, Verea, Viana do Bolo e Xunqueira de Espadanedo; e area sanitaria de Vigo (tres): Moaña, Oia e Redondela.

Os restantes concellos fóra das áreas perimetradas e con incidencia menor a 250 casos por 100.000 habitantes -un total de 197- tamén poderán moverse entre si.

Ademais destas cuestións, outra das novidades que entra en vigor coa nova normativa de restricións é a apertura dos centros comerciais as fins de semana, que se fará efectivo xa desde este sábado.