Ensino

Mesmo número de exames e elección entre Historia de España e Filosofía: así será a ABAU 2024

Estudantes preparando a ABAU antes dun exame. (Foto: Arxina)
A ABAU do presente curso realizarase antes do 14 de xuño na convocatoria ordinaria, e antes do 12 de xullo ou 13 de setembro na extraordinaria.

A proba de Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU) do curso 2023-24 manterá o formato de cursos anteriores, co mesmo número de materias a exames. Serán a obrigatoria da modalidade e tres comúns —catro no caso da Galiza e outros territorios con outra lingua oficial alén do castelán, como o galego—, aínda que o alumnado deberá elixir entre examinarse de Historia de España ou Historia da Filosofía, como viña sendo habitual na coñecida como selectividade.

O Ministerio de Educación e Formación Profesional presentou esta cuarta feira o borrador da Orde pola que se determinan as características, o deseño e o contido da ABAU para o presente curso a estudantes, familias, direccións de institutos, comunidades autónomas e universidades. O documento será sometido a exposición pública desde hoxe mesmo, momento no que os colectivos interesados poderán facer chegar as súas consideracións e achegas ao mesmo.

Os estudantes da Galiza que se presenten á ABAU este curso examinaranse de Lingua Galega e Literatura II, Lingua Castelá e Literatura II, Lingua Estranxeira II e a materia específica obrigatoria da modalidade, así como de Historia de España ou Historia da Filosofía. Quen desexen subir a súa nota de admisión poderán tamén examinarse de, cando menos, outras dúas materias de modalidade de segundo curso de Bacharelato. Aliás, o alumnado poderá examinarse dunha segunda lingua estranxeira distinta da que cursase como materia común e a nota poderá ser tida en conta polas universidades no proceso de admisión.

O borrador da Orde só recolle os cambios mínimos necesarios para adaptala á Lei de Educación e aos novos currículos xa que a implantación da nova ABAU queda aprazada até a formación dun novo Goberno estatal.

Por tanto, as probas avaliarán o grao de adquisición das competencias específicas das correspondentes materias dos novos currículos a través da aplicación dos criterios de avaliación recollidos no Real Decreto que estabelece a ordenación e os ensinos mínimos do Bacharelato, que constituirá o marco de referencia para determinar o seu contido.

Neste curso, por primeira vez, presentaranse á proba as e os estudantes que cursasen a nova modalidade de Bacharelato xeral, introducida pola Lei de educación aprobada en 2020. O texto tamén recolle as datas nas que as comunidades autónomas deberán convocar as probas. Así, no caso da convocatoria ordinaria, os exames deberán realizarse antes do 14 de xuño e os resultados deberán publicarse antes do 28 dese mesmo mes.

No caso da extraordinaria, as comunidades autónomas que decidan facela en xullo, deberán facelo antes do día 12 e publicar os resultados antes do 19. Se escollen setembro, as datas límite serán o 13 e o 20.