Educación

As universidades públicas galegas ofertarán máis de 17.000 prazas de grao e mestrado

Exames da selectividade na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC. (Foto: Arxina)
O próximo curso 2023-24 estarán dispoñíbeis na Galiza cinco novas titulacións de mestrado e unha de grao.

As tres universidades públicas galegas ofertarán máis de 17.000 prazas públicas de estudo, entre as 11.890 en titulacións de grao —131 máis que no actual curso— e 5.163 nas de mestrado —34 máis que este ano académico—, tal e como informou esta segunda feira, no Consello Galego de Universidades, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez.

Sobre as titulacións, a Xunta detallou que se deu o visto e prace ao grao en Deseño na UVigo —con 45 prazas no Campus de Pontevedra—, que conta con informe favorábel da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario da Galiza (ACSUG) e aprobación da Comisión Delegada da Conferencia Xeral de Política Universitaria. Por outra parte, continúa os trámites o grao Dual en Enxeñaría de automoción, tamén da UVigo, até completar os informes preceptivos previos á súa implantación.

Cinco novos mestrados

No que atinxe aos mestrados, o alumnado poderá cursar na Galiza cinco novas titulacións nas universidades públicas o próximo curso. Así, incorpóranse o mestrado en Enxeñaría aeronáutica, impartido pola Universidade de Vigo —20 prazas no campus de Ourense—; o de Patrimonio cultural dixital, interuniversitario entre a Universidade da Coruña —12 prazas no campus da cidade herculina— e a Universidade de Santiago de Compostela —13 prazas no campus da capital—, e en Fabricación aditiva, entre a UDC —10 prazas no campus de Ferrol— e a UVigo —10 prazas na cidade olívica—.

Aliás, haberá dous mestrados interuniversitarios entre as tres universidades públicas. Trátase da titulación en Ciencia e tecnoloxía da información cuántica, con 24 prazas a razón de oito nos campus da Coruña, Santiago e Vigo, e en Xestión sostíbel da auga, con 30 prazas totais repartidas entre os campus da Coruña, Santiago e Vigo —dez en cada un—.

Tamén se deu o visto e prace aos programas de Doutoramento en Nanociencia e biomedicina, da Universidade de Vigo —que substituirá o de Ciencias e tecnoloxía de coloides e interfaces— e de Doutoramento en Didáctica das ciencias experimentais da USC xunto con outras universidades do Estado.

Taxas universitarias

Por outra parte, o Consello Galego de Universidades avaliou o proxecto de decreto polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos para o próximo curso, a través do cal se conxelan as taxas de matrícula na Galiza por décimo terceiro curso consecutivo. Aliás, na reunión presentáronse senllos informes sobre a designación de representantes en distintos órganos como o Consello Galego de Cooperación para ou Desenvolvemento (Congacode) e o Consello de Centros Museísticos da Galiza.