Así di Altri que será a macrocelulosa que proxecta en Palas de Rei: "disfraza" na súa maqueta as alturas xigantescas de edificios e chemineas

Recreación virtual da macrocelulosa de Greenfiber na Ulloa. (Foto: Greenfiber)

Greenfiber presenta unha recreación virtual do proxecto que instalará na Ulloa e destaca a súa "integración na contorna"

Greenfiber, compañía integrada pola enerxética Greenalia e a multinacional portuguesa Altri, fixo pública esta sexta feira unha recreación virtual —na que "suaviza" a altura de chemineas e edificios, que o Diario Oficial da Galiza (DOG) recolleu como de 75 metros a primeira, e de entre 50 e 60 metros os segundos— do proxecto Gama, a macrocelulosa que pretende instalar no municipio de Palas de Rei, na comarca da Ulloa .

Segundo trasladou a compañía nunha nota de prensa, será unha planta "única no mundo" e que foi deseñada "non só con criterios ambientais moito máis exixentes que o exixido pola normativa europea", senón co "máximo respecto e integración coa contorna". Así mesmo, asegurou que esta decisión é consecuencia da súa "aposta" por "mellorar as comunidades locais" nas que se implanta, tanto desde o punto de vista “económico, como laboral, social e ambiental”. O resultado, expuxo, é unha planta "innovadora, sostíbel e integrada na contorna".

“Integración” na contorna

Con todo, o proxecto de macrocelulosa que Altri quere instalar na Ulloa foi criticado esta mesma sexta feira polo Colexio Oficial de Arquitectas da Galiza (COAG) que reclamou “máis información acerca dunha iniciativa que, entendemos, non se acomoda ao modelo de desenvolvemento territorial que a Galiza precisa e que, desde o COAG, vimos defendendo nos 50 anos da nosa historia".

"Entendemos que a Galiza conta con solo industrial de calidade, baleiro ou en transformación, susceptíbel de acoller proxectos empresariais coma este. E non poderíamos compartir unha estratexia de ordenamento do territorio na que, por unha parte, se constrúen polígonos industriais que quedan sen uso e, por outra, se destrúe a paisaxe rural para albergar instalacións fabrís. Se isto é así é que algo falla na planificación", alerta o COAG.

Porén, Greenfiber subliñou que, para conseguir esa “integración na contorna”, todas as infraestruturas que integran a macrocelulosa foron propostas para "minimizar ao máximo o impacto, tanto visual, como de cheiros desde o Camiño de Santiago". Precisamente, esta semana o Consello Internacional de Monumentos e Sitios (Icomos), organización gubernamental asociada coa Unesco, recoñecía que a instalación de Altri na Ulloa poría en perigo o Camiñotal e como avanzara Nós Diario—: “dentro desta industria existen unha serie de elementos arquitectónicos e instalacións que terán un forte impacto na paisaxe que define a ruta xacobea e que, polo tanto, si afectan en gran medida ao ben de Valor Universal Excepcional”.

Especies endémicas en perigo

"Aproveitouse a orografía do terreo para situar as instalacións máis voluminosas nas zonas máis baixas e rodeando toda a planta dun cinto verde de 61 hectáreas de especies autóctonas que contribuirán á integración da planta na contorna", explicou. Do mesmo xeito, alegou que se tomaron "todas as medidas necesarias para preservar especies autóctonas e de especial protección”, tendo en conta, engadiu, "os estudos e recomendacións de expertos biólogos, científicos e investigadores".

Con todo, tal e como confirmaron persoas expertas en Bioloxía e Botánica a Nos Diario, este macrocomplexo industrial “ameaza” especies protexidas. As mesmas fontes advertiron que o Estudo de Impacto Ambiental ameaza a supervivencia de especies endémicas da Terra de Melide e da Ulloa como son a a herba de namorar de Merino (Armeria merinoi), a margarida de Barazón (Leucanthemum gallaecicum) e a santolina de Melide (Santolina melidensis). “Só ao coñecer a localización do proxecto, a Xunta tería que telo descartado”, aseguraron a Nós Diario.

Devolución de auga “tratada”

Ademais, Greenfiber destacou o traslado do punto de devolución de auga “tratada” a varios quilómetros de distancia, "mantendo así o balance hídrico da masa de auga, ou a reserva de áreas específicas dentro da planta, dedicadas a favorecer o crecemento e preservación de especies singulares".

A respecto do uso de auga do encoro de Portodemouros por parte desta industria, a especialista no ciclo da auga Ana Fernández afirmou a Nós Diario que se verterán “gran cantidade de compostos orgánicos a quilómetro e medio dun encoro que xa está en mal estado debido a materiais semellantes , como proba o feito de que se prohiba a navegación e o baño a causa do microcistis, uns organismos moi tóxicos que medran polo estado eutrófico da auga. Sen esquecer a ría de Arousa, unha denominada masa de auga de transición que xa está en mal estado por uns contaminantes orgánicos que se multiplicarán coa instalación desta empresa”. O sector pesqueiro e marisqueiro da ría de Arousa calculou en 19.000 os postos de traballo directos en perigo polas verteduras de Altri ao río Ulla.

Por outra banda, Greenfiber expuxo que para “tratar de reducir ao máximo as afeccións á veciñanza” a través de cuxos terreos discorran as canalizacións tanto de auga como de electricidade, "todas elas irán instaladas baixo terra, de modo que as leiras veranse afectadas de forma parcial e puntual durante o período de obras, pero ao termo das mesmas, os propietarios poderán dispor delas nas mesmas condicións que tiñan".