Así decorreu na Galiza o primeiro San Xoán sen restricións sanitarias pola Covid-19

Rapaces saltan unha cacharela en Orzán, na Coruña. (Foto: Europa Press)
As principais vilas e cidades da Galiza volcáronse para celebrar un San Xoán moi especial, onde lume e sardiñas xuntáronse coas ganas de moitos e moitas de recuperar a normalidade anterior á pandemia.

De norte a sur e de leste a oeste, a Galiza encheuse de fogueiras, luminarias e cacharelas para conmemorar a noite de San Xoán. Un San Xoán especial, pois foi o primeiro sen restricións sanitarias de ningún tipo pola Covid-19. Despois de non poder celebrarse no 2020 e con moitas dificultades en 2021, milleiros de persoas saíron na noite desta quinta feira ás rúas dos barrios e cidades do país para desfrutar dunha das noites máis máxicas do ano.

En Vigo, o Concello autorizou até 21 fogueiras no centro urbano, repartidas polos principais barrios e puntos neurálxicos da cidade. Pese a que o Goberno local non permitiu que se acendesen na praia de Samil por motivos medioambientais e para evitar posíbeis incidencias nas augas de Vigo. Como única nota discordante, a veciñanza de Bouzas criticou no día de onte que a Autoridade Portuaria negou o permiso, a pesar de levar 20 anos celebrándose.

32 foron as fogueiras acesas en Santiago de Compostela esta noite. A destacar, as de San Pedro, Conxo ou a Praza do Matadoiro. Asemade, 750 cacharelas privada alumearon a noite compostelá, sendo cifra récord desde que o Concello de Santiago de Compostela conta con datos oficiais. Tamén o Concello organizou unha festa na praza de Mazarelos con música en directo pero sen fogueiras.

Máis ao sur, na Coruña, Orzán e Riazor volveron ser o punto central das celebracións de San Xoán. A pesar da ameaza constante da chuvia, entre noventa mil e cen mil persoas congregáronse nas praias para pasar a noite arredor do lume. O Concello concentrou as familias en Riazor, mentres que as e os adolescentes ocuparon, como cada ano, a praia de Orzán.

Outras vilas

Pero non só nas grandes cidades decorreu un San Xoán de récord. A poucos quilómetros de Vigo, en Panxón, concello de Nigrán, milleiros de rapaces e rapazas desprazáronse até Praia América para acender as súas fogueiras.

Na outra punta do país, a Mariña Lucense uniu San Xoán e as festas locais de varios concellos, como Viveiro ou Burela. Neste último tamén tivo lugar a Festa Castrexa, polo que arredor das cacharelas puideron verse os antigos habitantes da Galiza desfrutar das súas sardiñas e cervexa en pratos e vasos de plástico.

Na Costa da Morte, en Camariñas, a Lumarea, unha das fogueiras máis grandes de toda a Galiza con até sete metros de altura, volveu acaparar a atención dunha veciñanza que levaba dous anos sen poder vivir por completo a experiencia do San Xoán.

Toda a Galiza entregouse para recuperar unha das tradicións máis arraigadas no noso país, como é a noite de San Xoán. Ademais, o feito de tratarse da primeira gran celebración multitudinaria e sen restricións sanitarias en período estival, fixo que moitos galegos e galegas aproveitasen o día (e a noite) de onte.