Xustiza

O asasino confeso de Elisa Abruñedo pode estar implicado noutros homicidios, di o equipo investigador

O autor confeso do asasinato e violación de Elisa Abruñedo sae da súa vivenda en Narón (Foto: Europa Press).
Este xoves a titular do Xulgado de Instrución número 2 de Ferrol decretou o ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza para o detido polo crime de Elisa Abruñedo, en Cabanas (Eume).

Investigadores do crime de Elisa Abruñedo, asasinada e violada hai 10 anos, estudan a posíbel implicación noutros casos do detido por estes feitos, un home de 49 anos e veciño do municipio de Narón (Ferrolterra).

Así o apuntou, a preguntas dos xornalistas, o delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco, quen confirmou tamén que se levantou o secreto do sumario.

"Non descartan ningunha hipótese", recalcou o delegado do Goberno estatal ao ser preguntado pola posíbel implicación do detido noutros casos. Cuestionado se se o relacionaba co dunha ourensá, incidiu en que hai abertas "varias liñas de investigación", sen concretar máis a este respecto.

Este xoves a titular do Xulgado de Instrución número 2 de Ferrol decretou o ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza para o detido polo crime de Elisa Abruñedo, en Cabanas (Eume).

O home, de 49 anos e veciño do municipio de Narón, está a ser investigado polos delitos de homicidio ou asasinato, á espera de definir durante a instrución, e por agresión sexual, segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).

Asasino confeso

O detido xa se declarou culpábel ante a Garda Civil tras ser apresado a pasada terza feira no seu propio traballo, no estaleiro de Navantia Ferrol.

Alí traballaba como operario dunha empresa auxiliar do sector do metal. Tras prestar declaración, foi trasladado á prisión de Teixeiro.