Xustiza

Prisión comunicada e sen fianza para o detido polo crime de Elisa Abruñedo, acusado de dous delitos

O acusado e autor confeso do crime abandonando os xulgados esta quinta feira. (Foto: Europa Press)
Elisa Abruñedo foi localizada nas proximidades do seu domicilio a principios de setembro de 2013, ás poucas horas de desaparecer. O corpo sen vida estaba a tan só 200 metros da súa vivenda, con diversas puñaladas e constatándose que fora tamén violada.

A titular do Xulgado de Instrución número 2 de Ferrol vén de decretar o ingreso en prisión provisional comunicada e sen fianza para o detido polo crime de Elisa Abruñedo. O home, de 49 anos e veciño de Narón (Ferrolterra), está investigado polos delitos de homicidio ou asasinato, á espera de definir durante a instrución, e por agresión sexual, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).

Tras varias horas declarando no xulgado, e logo de recoñecer o crime en dependencias da Garda Civil, o arrestado saíu das dependencias xudiciais contra as 18.21 horas da tarde desta quinta feira e foi trasladado ao cárcere de Teixeiro, en Curtis. Segundo apunta a axencia Europa Press, xa se declarou culpábel ante a Garda Civil tras ser apresado a pasada terza feira no seu propio lugar traballo, o estaleiro de Navantia en Ferrol, onde era operario dunha empresa auxiliar do sector do metal, xa que os investigadores estimaban que era o responsábel da violación e morte desta veciña de Lavandeira, en Cabanas (Eume).

Os axentes da UCO, responsábeis da investigación, someteron o detido a extensos interrogatorios durante as aproximadamente 48 horas que estivo en dependencias deste corpo de seguridade, alén de participar na tarde da propia terza feira nun rexistro na súa propia vivenda, no barrio da Gándara, de onde levaron algunha documentación, ademais de varias escopetas de caza.

Vehículo particular

Ademais, esta cuarta feira, 18 de outubro, durante a tarde, foi levado ás dependencias da Garda Civil de Ferrol, onde permanece custodiado o seu vehículo, que foi obxecto dun minucioso rexistro en presenza do detido. Supostamente, foi o automóbil no que se desprazou á zona onde apareceu morta a vítima, un turismo de cor verde intensa que algunhas das testemuñas declararan no seu momento como sospeitoso.

Durante o tempo que permaneceu detido, o home pasou as noites na sede a Comandancia da Garda Civil na Coruña, onde efectivos da UCO e de Policía Xudicial da Benemérita levaron a cabo a instrución e o interrogatorio, sobre todo por parte dos axentes chegados desde Madrid.

Esta quinta feira, o home, que é natural do municipio de Vilarmaior (As Mariñas), pero que residiu tamén en Cabanas, chegou sobre as 10.30 horas aos xulgados de Ferrol, nun todoterreo da Garda Civil, onde a media mañá comezou a súa comparecencia ante a xuíza. O investigado reside co seu pai e irmán nun piso da rúa Vigo de Narón e é moi afeccionado á caza e tamén aos cabalos, onde moitas das súas conversacións cos poucos veciños cos que estabelecía conversa era precisamente sobre estes asuntos.

Crime en 2013

Elisa Abruñedo foi localizada nas proximidades do seu domicilio a principios de setembro de 2013, ás poucas horas de desaparecer. O corpo sen vida estaba a tan só 200 metros da súa vivenda, con diversas puñaladas e constatándose que fora tamén violada.

A muller contaba por aquel entón con 46 anos, estaba casada e era nai de dous fillos. Na zona foron localizadas varias mostras de ADN que pertencerían ao responsábel da violación e asasinato, e que foi unha das liñas de investigación que permitiron chegar ao detido, sendo unhas das súas principais características o ser roxo.