Asasinato machista en Vigo

O home confesou na comisaría o crime. Trátase da terceira muller asasinada pola violencia machista na Galiza no que vai de ano, segundo as cifras oficiais. Hora e lugares das concentracións de repulsa no interior. 

 

Este domingo, por volta das 20h, unha muller foi asasinada na cidade de Vigo. Embora as autoridades policiais manteren a investigación aberta foi o propio asasino o que se personou na comisaría para confesar que asasinara a muller logo dunha discusión.

O feminicidio, o terceiro no que vai de ano na Galiza segundo as cifras oficiais, tivo lugar na céntrica rúa López de Neira. A xustiza aínda non o tificou como un crime de violencia machista á espera de estabelecer o tipo de relación que existía entre a muller e o seu asasino. 

Como publicou Sermos Galiza na reportaxe Feminicidio, alén da intimidade, a Lei Orgánica para o tratamento integral da violencia de xénero só considera violencia machista aqueles casos en que existía unha relación afectivo-sexual entre ambas as dúas persoas, tivese esta ou non rematado. 

Asemade, o corpo dunha outra muller desaparecida en Sanxenxo a pasada sexta feira (4 de setembro) foi atopado en Pontevedra na ponte de Monte Porreiro. Investígase agora as causas da súa morte. 

Repulsa

A Xunta de Galiza emitiu un comunicado público após coñecer o crime machista de Vigo no que se amosa a súa "consternación" polo acontecido. Aliás, instou o conxunto da sociedade a que "se rebele contra esta rexeitábel lacra" e a colaborar "para rematar con esta manifestación extrema da desigualdade". 

Pola súa banda o Bloque Nacionalista Galego trasladou publicamente através dun comunicado de imprensa a súa "enérxica repulsa" perante un novo asasinato machista. A voceira de Igualdade do grupo parlamentar do BNG, Carme Adán, reclamou a incorporación da figura do "feminicidio" na lexislación. Unha iniciativa que a organización frontista xa presentou no Parlamento de Galiza. "Cantas mulleres máis teñen que morrer para que os gobernos movan ficha", preguntou Adán. 

Hora e lugares das concentracións

O movemento feminista convocou para esta terza feira (8 de setembro) concentracións de repulsa nas 7 cidades galegas. Serán ás 20h. 

  • A Coruña: Obelisco
  • Compostela: Porta do Camiño
  • Ferrol: Praza do Concello
  • Lugo: Praza do Concello
  • Ourense: Castañeira (Subdelegación do Goberno)
  • Pontevedra: Praza 8 de marzo
  • Vigo: diante do MARCO. 

 

 

Fe de grallas. Por erro inicialmente nesta información publicouse que o feminicidio de Vigo era o segundo no que vai de ano na Galiza. Porén, as cifras oficiais sitúan en tres o número de asasinatos machistas. Para alén do de Vigo, Beatriz Rodríguez foi asasinada en Arbo e María Isabel Fuentes no CHUOU en Ourense.