Feminicidio, alén da intimidade

[Imaxes Galiza Contrainfo]

A lexislación española só contempla violencia de xénero nas agresións que se producen no marco dunha relación de parella. Ese feito exclúe numerosos casos que noutras lexislacións son xulgados como feminicidio.

 

A definición que de violencia machista recolle a lexislación española é herdeira, como pano de fondo, da concepción de 'violencia doméstica' que noutrora pairou no imaxinario colectivo mais que aínda se mantén en estados como o francés onde se denomina 'violencia conxugal'. A lei francesa foi promovida en 2010 e por vez primeira incorporaba como delito a violencia psicolóxica. 

A redución da violencia contra as mulleres ás relacións de parella --exista ou non convivencia, estiveren estas ou non rematadas-- exclúe dese tratamento aqueloutras agresións que, desde unha perspectiva máis ampla, si son consideradas crimes por razón de xénero noutros países. 

As diferenzas nesa tipificación xurídica dá lugar a dúas xeracións lexislativas claramente diferenciábeis entre Europa e Latinoamérica. 

A doutora, profesora e investigadora do Colegio de la Frontera Norte (Ciudad Juárez, Chihuahua, Mexico) Julia Monárrez, desenvolveu na súa obra  Las diversas representaciones del feminicidio y los asesinatos de mujeres en Ciudad Juárez, 1993-2005, unha tipoloxía que diferencia as dúas grandes formas que este delito pode adquirir: feminicidio íntimo e feminicidio non íntimo. 

A investigadora mexicana Julia Monárrez, desenvolveu unha tipoloxía que diferencia as dúas grandes formas que este delito pode adquirir: feminicidio íntimo e feminicidio non íntimo. 

Entre ambas diferénciase o nexo que existe entre vítima e vitimario --valéndonos dos termos empregados pola autora. 

Feminicidio por conexión, o caso de Adela López

No primeiro dos casos --o recollido polo ordenamento xurídico español como violencia de xénero-- o asasinato é cometido por un home con quen a vítima tiña ou tivera unha relación ou vínculo íntimo: cónxuxe, excónxuxe, parella ou exparella. Eis o caso das 6 mulleres asasinadas na Galiza en 2014 que foron rexistradas polas estatísticas oficiais da Xunta ou de Isabel Fuentes, asasinada o 8 de maio de 2015 no hospital público de Ourense. 

Porén, na Galiza foi asasinada tamén o pasado ano Adela López (72 anos, Cervo). Trátase dun asasinato que non foi considerado violencia machista pois o vitimario era xenro. Este sería un exemplo de feminicidio por conexión. Mulleres que se sitúan na 'liña de fogo' dun home que intenta ou mata a outra muller. 

Adela López era a nai de María José Suárez (45 anos, Cervo). O seu asasinato si foi computado nas cifras oficiais. 

Adela López foi un feminicidio por conexión ao ser asasinada por se situar na 'liña de fogo' do seu xenro cando este ía matar a María José Suárez

Así as couas, publicacións especializadas como Feminicidio.net describen un abano moito máis amplo no que o feminicidio adquire diversas tipoloxías: por prostitución, por trata, por tráfico, feminicidio transfóbico, lesbófico ou racista; feminicidio por mutilación xenital feminina, e mesmo propoñen a consideración do feminicidio como crime internacional en tanto que xenocidio, crime de lesa humanidade e crime de guerra contra as mulleres. 

Lationoamérica, na vangarda 

Os avances no pensamento feminista tiveron nos últimos anos o seu reflexo na lexislación de diversos países, practicamente en exclusiva latinoamericanos. Neste senso, Mexico (2007), Costa Rica (2007), Nicaragua (2011), Guatemala (2008), El Salvador (2011), Arxentina (2009) ou Venezuela (2014) posúen marcos lexislativos de segunda xeración. Aqueles nos que "se amplía a comprensión da violencia contra as mulleres regulándose como tal non só a que se produce no ámbito privado senón tamén a que se produce no ámbito público", segundo definiu as Nacións Unidas no informe sobre A regulación do delito de femicidio/feminicidio en América Latina e El Caribe. 

Tomando como exemplo a máis recente modificación, a aprobada polo goberno bolivariano de Venezuela en novembro de 2014, esta segunda xeración non só define como obxecto puníbel o feminicidio íntimo senón tamén aquel "non íntimo" levado a cabo por "un home que intencionalmente dese morte á muller aproveitándose dunha relación laboral, académica, profesional ou calquera outra que implique confianza, subordinación ou superioridade". 

De igual maneira, continúa a lexislación venezolana, "incorre en feminicidio por conexión aquel home que intencionalmente dese morte a algunha muller por estar esta involucrada no contexto".