Cando os asasinatos de mulleres son crimes de xénero

[Galiza Contrainfo]

Revisamos a lexislación en relación á violencia machista. Contempla a lei todas as formas de violencia contra as mulleres como delito? E todos os asasinatos machistas?

 

O asasinato de Socorro Pérez en Ourense e o de Yulissa na Pobra do Caramiñal reabriu o debate a respeito da variábel xénero nos asasinatos de mulleres. Os seus casos non computan a ningún efecto --político ou xurídico-- como violencia machista. De igual maneira que Adela López, unha das mulleres asasinadas no duplo feminicidio de Cervo en 2014 tampouco foi recollido nen tratado como tal. 

Neste senso, que é violencia machista? Cando o asasinato dunha muller constitúe un crime de xénero? Que significa o termo feminicidio e cal é a súa orixe? Que din ao respeito os marcos xurídicos doutros países? Devagar tentamos dar resposta a algunhas destas cuestións. 

A lexislación galega e española

Na Galiza existe un marco normativo propio a respeito da violencia machista aprobado coa Lei 11/2007 para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero. Das súas disposicións xerais emana unha definición ampla que concreta o obxecto da lei e que a tales efectos considera como tal " calquera acto violento ou agresión, baseados nunha situación de desigualdade no marco dun sistema de relacións de dominación dos homes sobre as mulleres que teña ou poida ter como consecuencia un dano físico, sexual ou psicolóxico, incluídas as ameazas de tales actos e a coacción ou privación arbitraria da liberdade, tanto se ocorren no ámbito público coma na vida familiar ou privada". 

A lexislación española circunscribe a violencia de xénero á que se produce no seo de relacións afectivo-sexuais mentres que a galega a sitúa "no ámbito público", "na vida familiar" ou "privada"

Desde esta perspectiva recóllense as diversas formas de violencia contra as mulleres situándoas como consecuencia da "dominación" patriarcal para alén da vella concepción privada da 'violencia doméstica' e mesmo identificando a esfera pública como un espazo no que se producen e reproducen comportamentos violentos. 

Porén, a Galiza está suxeita ao marco xurídico español sendo que a xustiza depende en exclusiva das estruturas estatais. Neste senso, a lexislación española na materia está recollida na Lei Orgánica (1/2004), do 28 de decembro, de Medidas de protección integral contra a violencia de xénero. Das súas disposicións xerais emana a tipificación do concepto "violencia de xénero" entendido como a "manifestación da discriminación, a situación de desigualdade e as relacións de poder dos homes sobre as mulleres" exercida "sobre estas por parte de quen sexan ou tivesen sido os seus cónxuxes ou de quen estean ou tiveses estado vencellados a elas por relacións semellantes de afectividade, aínda sen convivencia". Neste marco, a lei abrangue "todo acto de violencia física e psicolóxica, incluídas as agresións á liberdade sexual, as ameazas, as coaccións ou a privación arbitraria da realidade". 

As limitacións da lei española, o caso Nagore

Destarte, limítase a violencia de xénero a aquela que se produce no seo de relacións afectivo-sexuais (de parella) tivesen estas finalizado ou non. E á esfera privada. 

Nagore foi asasinada en xullo de 2008 o seu caso non foi procesado como violencia machista por non ter existido unha relación sentimental co seu asasino

As limitacións desta definición puxéronse en evidencia en xullo de 2008 no coñecido como caso Nagore. Un crime de xénero que foi xulgado como homicidio, nen sequera como asasinato, embora José Diego Yllanes Vizcay lle dera unha paliza, a asasinara asfixiándoa e tentara descuartizala despois de que se negase a manter relacións sexuais con el, como lembra o documentario de Helena Taberna 'Nagore'. 

Entre Yllanes e Nagore non existía relación afectiva ningunha, coñecíanse da clínica na que ambos estudaban medicina e enfermaría. Atopáronse de madrugada no San Fermín. 

A sentenza do caso Nagore salienta o abuso de superioridade no crime porén, non foi considerado violencia machista ao non ter existido unha relación sentimental. Un feito que puxo en evidencia as carencias do marco xurídico actual. 

Que diferencia un feminicidio do asasinato dunha muller? 

O concepto femicidio ou feminicidio foi acuñado por ver primeira en 1976 da man de Diana Russell. Doutora en Psicoloxía social, activista e feminista nada en Cape Town (Sudáfrica) empregou por ver primeira o termo femicide no Tribunal Internacional de Crimes contra a Muller decorrido en Bruxelas co gallo do Ano Internacional das Mulleres proclamado polas Nacións Unidas. 

Russell (1990): "O feminicidio é o asasinato de mulleres realizado por homes por  [razóns de] odio, desprezo, pracer ou un sentido de propiedade das mulleres"

Xunto coa autora Jane Caputi, Russell definíu en 1990 o feminicidio como "o asasinato de mulleres realizado por homes por [razóns de] odio, desprezo, pracer ou un sentido de propiedade das mulleres". Dous anos despois, en 1992 e da man de Jill Radford, a feminista sudafricana completaría a conceptualización afondando nas distintas formas de violencia que abrangue e situándoo como o último chanzo dun círculo ou continuun de violencia maior. Faríao na obra Femicide. The politics of woman killing. 

"O termo feminicidio representa o extremo dun continuum de terror anti-femenino que inclúe unha ampla variedade de abusos verbais e físicos, tales como: violación, tortura, escravitude sexual (particularmente por prostitución), abuso sexual infantil incestuoso ou extra-familiar, palizas físicas e emocionais, acoso sexual (por teléfono, nas rúas, na oficina e na aula), mutilación xenital, operacións xinecolóxicas innecesarias, heterosexualidade forzada, esterilización forzada, maternidade forzada, psicorirurxía, negación de comida para mulleres nalgunhas culturas, cirurxía plástica e outras mutilacións en nome do embelecemento. Sempre que estas formas de terrorismo resultan en morte, transfórmanse en feminicidios". 

Perante esta conceptualización --na que teñen traballado autoras como Marcela Lagarde, con quen falamos ao respeito en novembro de 2014-- existiría un amplo abano de violencias feminicidas e mesmo de tipoloxías de feminicidios máis alá do tipificado no Estado español. 

Unha interpretación máis ampla da violencia machista permite diferenciar entre aqueles asasinatos nos que "o xénero femenino dunha vítima é irrelevante para o perpetrador", como sostén Russell e aqueloutros nos que o asasinato de mulleres se produce por razóns asociadas ao seu xénero.