Asasinan cunha arma de fogo unha muller en Oia

Inmediación do cámping O Muíño (Foto: Turismo de Galicia).
As primeiras hipoteses apuntan a que se trata dun caso de violencia de xénero. O presunto autor do asasinato xa está identificado, mais polo momento non foi detido.

Unha muller foi asasinada cunha arma de fogo na localidade de Oia, no Baixo Miño. Os feitos producíronse á primeira hora da tarde deste sábado nas inmediacións do cámping O Muíño, situado na parroquia de Mougás, ao pé da estrada que une Baiona e A Guarda.

Fontes confirmaron que o presunto autor xa está identificado, mais polo momento non foi detido. As primeiras hipóteses apuntan a que se trata dun caso de violencia de xénero, segundo trasladaron as mesmas fontes, que ademais afirmaron que a muller recibiu varios disparos.

O 112 tivo coñecemento dun altercado neste punto sobre as 16.10 horas deste sábado. Nese momento, a central de emerxencias mobilizou até o lugar á Garda Civil e á Policía Autonómica.

De confirmarse que se trata dun caso de violencia de xénero, sería o segundo crime machista ocorrido en Galicia este 2023 tras o asasinato dunha muller en Baiona o pasado mes de febreiro polo que foi detida a súa ex parella.

Uns surfeiros rescatan o corpo sen vida dun home que apareceu flotando nunha praia de Oleiros

Un grupo de surfeiros rescatou da auga o corpo sen vida dun home que apareceu flotando na praia de Bastiagueiro, no municipio de Oleiros.

Segundo trasladaron fontes dos servizos de emerxencia, o cadáver corresponde ao dun veciño de Lugo de 75 anos que foi localizado polos deportistas no mediodía deste sábado.

Os surfeiros sacaron da auga o corpo e levárono á beira, onde os servizos sanitarios desprazados ao areal por Urxencias Sanitarias 061 confirmaron o seu falecemento.

Até o lugar mobilizáronse membros da Policía Xudicial, así como axentes da Policía Local e do servizo de emerxencias de Oleiros.

Localizan na lagoa de Cospeito o cadáver dunha muller desaparecida

Equipos de emerxencia localizaron á primeira hora da mañá deste sábado na lagoa de Cospeito, na comarca da Terra Chá, o cadáver dunha muller que se atopaba en paradoiro descoñecido desde a xornada anterior.

Tras ser avistado, o corpo foi recuperado da auga polos bombeiros de Vilalba nas primeiras horas deste sábado, segundo trasladaron os servizos de emerxencia.

O caso está a ser investigado pola Garda Civil, que tivo constancia da desaparición desta muller na noite da sexta feira.

Tras o exame da persoa falecida, fontes próximas á investigación apuntan que o corpo non presenta signos externos de violencia.

O operativo coordinado pola Garda Civil para recuperar o corpo contou coa participación de membros do servizo municipal Protección Civil de Vilalba e de voluntarios de Protección Civil de Meira.