Arroxo presenta a peonalización da contorna da Muralla de Lugo

Rubén Arroxo, Alexandre Penas e Pablo Fuentes (Imaxe: Nós Diario).

“Un paso de xigante no camiño dunha muralla totalmente peonil”. Así presentou na mañá de onte Rubén Arroxo, tenente de alcalde de Lugo, o proxecto de peonalización da Mosqueira, que “servirá como espello para humanizar a contorna do monumento máis importante de Lugo coa retirada de vehículos”. O edil nacionalista deu a coñecer o proxecto co concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, e co xefe de servizo de Enxeñaría, Pablo Fuentes.

“A nova praza peonil resultante será un espazo multiusos, con zonas verdes e espazo para a realización de actividades culturais e de ocio, na que se respectará a visión dos arcos da Mosqueira e do edificio racionalista do arquitecto Eloy Maquieira”, expuxo Arroxo, que informou de que o proxecto, que ten o visto e prace da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta da Galiza, sairá a licitación cun orzamento base de 797.016,93 euros e cun prazo de realización de oito meses.

“Lugo ten a única Muralla romana completa do mundo, un patrimonio da humanidade do que temos a obriga como Goberno de protexer e potenciar”, salientou Arroxo en declaracións aos medios. “Tal como advertiu o Icomos, as vibracións dos vehículos están a causar problemas estruturais ao monumento, polo que unha das liñas de traballo da área de Mobilidade, da que é protagonista a peonalización do tramo da Mosqueira, consiste en retirar progresivamente os vehículos da Muralla”, agregou.

Fuentes tomou a palabra para debullar as cuestións técnicas do proxecto que a área de Mobilidade e Infraestruturas levará adiante. “Utilizaranse materiais de primeira calidade que melloren a imaxe do monumento. Na contorna da Porta de San Pedro utilizarase lousa de granito, mentres que para o resto do tramo utilizaranse materiais prefabricados”, afirmou.

Iluminación da Muralla

Todo o proxecto seguirá os criterios da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta para destacar ao máximo o monumento. Así, substituirase a iluminación viaria e ornamental da Muralla por luminarias con soporte no lugar das actuais luminarias enterradas o que, segundo Pablo Fuentes, “mellorará a imaxe da zona axardinada e do propio monumento”.

A área de Mobilidade planificou tamén o desvío do tráfico que circula entre a rúa Vilalba e a Porta de San Pedro. O novo percorrido comezará en Ramón Ferreiro, seguindo por Salvador de Madariaga, que mudará o sentido da circulación, rúa Dinán, rúa Hermanitas e San Roque.

Peonalización por tramos

“Desde a área de Mobilidade traballamos en converter o carril máis próximo á Muralla nun espazo peonil, humanizado, con vexetación e mobiliario urbano e que ao mesmo tempo protexa a estrutura do monumento e permita gañar espazo peonil”, salientou Arroxo, quen puxo de manifesto que “o alto custo que tería realizar este proceso ao completo fai necesario que o realicemos por tramos”.

O primeiro tramo no que se realizará obra civil será o que conecta a Porta do Hospital e a rúa Vilalba. En 12 meses, calculou, a cuarta parte da Muralla ficará peonalizada, e outro cuarto, cun carril convertido en espazo peonil. 

“De forma planificada seguiremos avanzando na humanización da Ronda en sentido contrario ao tráfico”, informou o tenente de alcalde de Lugo.