Arranca a campaña da gripe: vacinación secuencial e simultánea contra a Covid

A vacinación contra a gripe comezou na área sanitaria de Ourense e de forma simultánea nas outras seis da Galiza (Foto: Xunta da Galiza).
Até o 31 de decembro, Galiza disporá 885.000 doses contra a gripe en perto de 900 puntos de vacinación que inclúen residencias, hospitais e centros de saúde.

Galiza iniciou esta segunda feira, a campaña de vacinación contra a gripe. Por primeira vez será secuencial e compatíbel coa administración da dose de reforzo contra a Covid que aprobou o Ministerio de Sanidade para a poboación maior de 70 anos.

Como é habitual desde 2018, o primeiro colectivo con acceso ás vacinas da gripe é o do persoal sanitario, que durante esta semana ten a posibilidade de recibir a súa dose no propio centro de traballo.

A partir do día 25 a campaña contra a gripe abrirase ao resto da poboación. Mais será de forma gradual para darlle cobertura á poboación máis vulnerábel e evitar o desabastecemento que o ano pasado obrigou a cancelar numerosas citas por falta de vacinas en moitos centros de saúde.

En 2020, a Covid elevou a demanda da vacina da gripe. Moitas persoas sas reclamaron antes do previsto e mesmo por primeira vez a súa dose contra este virus estacional, o que deixou sen picada e á espera a moitas persoas de risco dos grupos albo de menos de 65 anos.

Este ano, Sanidade mantén o chamamento xeneralizado a protexerse fronte á gripe, pero faino nun contexto distinto, con máis de 93% da poboación maior de 11 anos vacinada contra a Covid, a pandemia baixo control e unha campaña antigripal en catro fases con catro datas chave.

18 de outubro

Arranca a campaña de vacinación do persoal sanitario, tanto do Sergas como de centros privados, co obxectivo de superar 75% de cobertura tras 74,6% do ano pasado, 23% máis que en 2019.

25 de outubro

Incorpóranse á campaña as persoas de 65 anos ou máis, que o ano pasado alcanzaron unha cobertura de 71,66%, 11,24% máis que en 2019. A partir da vindeira semana tamén se poderán vacinar as persoas institucionalizadas de maneira prolongada en residencias de maiores ou centros de atención á discapacidade, así como o persoal traballador destes centros.

15 de novembro

A campaña amplíase. A partir desta data están chamadas a se inocular as persoas de entre 60 e 64 anos, as persoas menores de 60 con patoloxías de risco, mulleres embarazadas, crianzas prematuras de entre seis meses e dous anos, persoal de servizos esenciais ou de exposición laboral.

29 de novembro

Comeza a última fase da campaña antigripal coa incorporación de conviventes de persoas de risco e o resto da poboación albo. En calquera caso, a unión  de novos grupos á vacinación contra a gripe non fai supor o feche dos anteriores, polo que se van solapar até o remate da campaña, o 31 de decembro.

Cita previa obrigaroria

A Galiza investiu este ano 5,3 millóns de euros na compra de 885.800 doses contra a gripe, só 5% máis das adquiridas en 2020. A vacina, advirte a Consellaría, é a medida principal para evitar a enfermidade, as súas complicacións, o risco de hospitalización e a morte. Por iso aspira a superar as 843.469 doses administradas o ano pasado en perto de 900 puntos de vacinación activos de novo en residencias, hospitais e centros de saúde, os que haberá que acudir con cita previa.

Vacina contra a gripe e fronte á Covidp ara maiores de 70

A campaña da gripe será gradual co fin de impulsar a protección da poboación fronte á influenza mais tamén co obxectivo de reforzar a cobertura das persoas maiores de 70 anos contra a Covid. "Sempre que sexa posíbel", incidiu o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, o Sergas fará coincidir as dúas picadas. Outorgará prioridade ás maiores de 80, con máis de seis meses desde a segunda dose. Segundo confirmou Sanidade a Nós Diario, nos próximos días informarán do protocolo específico en caso de dobre picada, dado que aínda se descoñece se deben ser as doentes quen reclamen a súa cita ou se será o Sergas quen as convoque e onde.

Chegado o día, levarán a terceira dose contra a Covid mais a da gripe. No seu caso, a trivalente, indicada para maiores de 65. Ademais desta, usaranse outros dous tipos de vacina: a tetravalente, indicada para menores de 65, e a de alta carga tetravalente, para persoas de mais de 60a nos ingresadas en residencias de maiores.