O arquitecto Gallego Jorreto e o seu maxisterio universal desde o local, no novo número do ‘Sermos Galiza’

Detalle do 'Sermos Galiza' deste 14 de agosto.
O novo número do semanario Sermos Galiza tórnase imprescindíbel para coñecer a arquitectura propia. Non perdas a entrevista ao premiado Manuel Gallego Jorreto sobre a súa traxectoria e a súa visión da arquitectura. Ademais, ao longo do semanario, repásanse as distincións que Franco e os seus ministros aínda conservan na Galiza. E como sempre, inclúese unha manchea de recomendacións para o tempo de lecer. Procura o teu exemplar, xunto con Nós Diario, este sábado nos quiosques e puntos de venda habituais!

O novo número do semanario Sermos Galiza, á venda desde o sábado 14 de agosto con Nós Diario, achéganos á persoa, obra e pensamento de Manuel Gallego Jarreto, nunha entrevista de Manuel Xestoso en catro páxinas imprescindíbeis para as e os interesados na arquitectura galega.

A lista de galardóns a Gallego Jarreto é interminábel e o seu traballo está espallado por toda Galiza e abrangue desde vivendas unifamiliares até a Residencia oficial de Monte Pío, desde a rehabilitación do teatro Rosalía de Castro da Coruña até o Museo das Peregrinacións de Santiago.

Arquitectas

A historia escríbena os gañadores, e eses sempre son homes. A historia está pois escrita con perspectiva masculina e moitas veces esqueceu (intencionadamente ou non) a contribución das mulleres ao presente. Nas artes ou nas ciencias existe un legado de mulleres que hai que rescatar e pór en valor. Isto tamén sucede na arquitectura.

Ante o esquecemento, Iago Valverde achega a reportaxe Arquitectas. Mulleres esquecidas, un texto de xustiza fronte o machismo. Houbo que esperar, sinala de facto o autor, até a oitava arquitecta para que unha muller exercera na Galiza, esta foi Milagros Rey, que obtivo o título no ano 1960.

Honras a franquistas

Cantas rúas e distincións conservan Hitler en Alemaña ou Mussolini en Italia? Cantos ministros desas ditaduras criminais teñen hoxe distincións? Eis as preguntas que Manuel Monge fai reportaxe Honras na Galiza a Franco e os seus ministros. Após 13 anos da Lei de Memoria Histórica, até 32 ministros franquistas conservan na Galiza 73 distincións, ademais das de Franco.

Na clasificación dos concellos que manteñen distincións figura nas dúas primeiras posicións Compostela, con honras a 20 ministros; seguida por Ferrol, con distincións a 10 ministros. Na reportaxe poderás coñecer cantas distincións hai en cada un dos 73 concellos galegos que aínda non as eliminaron.

Pío Cabanillas, Manuel Fraga, Blas Pérez González ou Vicente Mortes son algúns dos ministros con distincións na Galiza. Na reportaxe, Monge aborda un por un, todos os ministros que teñen honras e en que concello galego en concreto.

Natureza, lecturas, cinema, música, arte, historia e pasatempos

Aliás, na sección Andar e VerAdela Leiro, Mon Daporta e Xan Colazo presentan un roteiro impresionante polo Monte Trega, un cume illado cunha importante pegada histórica, un dos castros de máis sona, e unha situación estratéxica privilexiada entre o mar, no punto máis ao sur da costa galega, e o esteiro e desembocadura do río Miño.

Aló podes acudir cun libro para descansar na natureza. Por exemplo, Mario Regueira propón ler Transhumanismo. Tecnociencias e antropociencias, de Brais Arribas; e Inma Otero convida a encontrarse coa lectura de Nas pulsacións, de Manuel López.

No apartado de músicaFernando Montenegro achega a lectora e lector de Sermos Galiza ao disco Realismo, que exhibe un repertorio de oito temas compostos polo pianista Xan Campos e no que hai sons de balada clásica, paisaxes minimalistas e cancións para bailar en calquera parte.

Ademais, Carlos Penela presenta no seu novo artigo o musicólogo estadounidense James A. Grymes, profesor na Universidade de Carolina do Norte, que recolle na súa obra Violins of Hope un total de seis historias reais relativas ao Holocausto.

No capítulo de cinema, o crítico Andrés Castro afonda no filme Nais verdadeiras, de Naomi Kawase, directora que iniciou a súa carreira cinematográfica facendo documentais baseados na súas propias experiencias vitais.

O experto en gastronomía Anxo Fole presenta unha manchea de receitas frescas e saudábeis. Aprenderás da man de Fole a realizar unha exquisita Crema fría de cogombro, coliflor e xenxibre; para continuar cun saboroso salpicón de marisco e, para os máis lambóns, xeado de framboesa.

E non hai prato sen bo viño, por iso os amigos de Vide Vide recomendan dous impresionantes viños: o Village 2020, Viño de Encostas; e Mougha 2020, O Rosal.

Fechan este novo número do Sermos Galiza  os pasatempos realizados por Xerardo R. Roca e Xoán Costa. Boa lectura de verán!