Extinguido en Viveiro un incendio que se iniciou nun aeroxerador do parque eólico

O muíño comezou a arder contra as 10.28 horas. (Foto: @pere_jpereirale / Twitter)
O lume estendeuse a unha pequena porción do monte.

Un aeroxerador comezou a arder contra as 10.28 horas desta terza feira no parque eólico Viveiro, operado por Iberdrola e situado neste mesmo municipio, no monte de Penedo do Galo, segundo recolleu no seu mapa de incidencias o 112-Galiza, que informa a esa hora dun incendio industrial no lugar do que tamén se fixeron eco as redes sociais.

Fontes do 112 consultadas por Nós Diario informan de que foron varios particulares quen alertaron por teléfono do lume, visíbel desde diferentes puntos do municipio. Até o lugar desprazáronse por prevención efectivos sanitarios e de emerxencias e deuse aviso aos bombeiros, a Garda Civil, a Policía Local e Nacional, o Concello de Viveiro, Protección Civil e as autoridades de Medio Ambiente da Xunta.

O incendio iniciouse nunha das pezas do muíño, que caeu ao chan e estendeu, levemente, as chamas por unha superficie "de escasas dimensións" da masa forestal que os bombeiros dan practicamente por controlada.

Contra as 13.30 horas deuse por extinguido o fogo após calcinar unha superficie dunhas 0,1 hectáreas de monte raso. A turbina eólica ardeu por completo.