As árbores do parque 25 de Novembro morren polo abandono do Goberno local de Ourense

Parque 25 de Novembro

O parque 25 de Novembro contra a violencia de machista, situado na parroquia ourensá de Reza, atópase nunha situación de “terríbel abandono” segundo denuncia ADEGA. A entidade ecoloxista galega lamenta que a árbores plantadas na zona de Reza e que representan as vítimas do terrorismo machista non fosen regadas e rematasen por esmorecer e morrer.

Varias veciñas e veciños da parroquia de Reza, na concello de Ourense, alertaron a Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza do abandono que están a sufrir as árbores que compoñen o parque 25 de Novembro.

Este espazo verde ergueuse como unha homenaxe as vítimas da violencia machista e na actualidade atópase nun “estado lamentábel pola falta de rego e de auga, o que xa provocou a morte de ducias de árbores”, segundo sinalan desde ADEGA.

ADEGA esixiu ao Concello que achegue información sobre a situación e que tome medidas urxentes ante unha situación de abandono tan rechamante

Nese sentido, a entidade ecoloxista galega esixiu ao Concello que achegue información sobre a situación e que tome medidas urxentes ante unha situación de abandono tan rechamante. Solicitan pois o arranxo das árbores e da zona así como un atendemento continuado do parque “polo ben das propias arbores, polos veciños de Reza, e polas vítimas da violencia machista”.

O 24 de novembro do pasado ano 2018 plantáronse na parroquia de Reza un total de 44 árbores e colocouse ao redor de cada unha delas un lazo rosa. O parque novo foi inaugurado polas autoridades municipais co nome 25 de Novembro en recordo das vítimas.

Este espazo verde comprende un total de 35.000 metros cadrados e foi inaugurado co obxectivo de sensibilizar, lembrar e denunciar os asasinatos e combater a violencia machista.