O movemento ecoloxista denuncia o retroceso que supón a nova lei da Xunta de Patrimonio Natural

Eirexas, Bará, González, Bandín, Rivas, Vilán e Sánchez [Imaxe: SG]

Catro entidades ambientalistas galegas acudiron ás portas do Parlamento galego para denunciaren o retroceso que supón a nova lei en materia de patrimonio natural que a Xunta de Galiza quere aprobar de costas ao movemento ecoloxista. Denuncian que cos límites que estabelece a nova normativa non poderá haber ningún parque natural máis na Galiza. 

Ás portas do Parlamento galego acudiron representantes de catro entidades ambientalistas galegas que denunciaron a nova Lei de Patrimonio Natural que se atopa en tramitación parlamentaria e que o Partido Popular pretende aprobar coa súa maioría absoluta. Os catro colectivos coincidiron en sinalar que a nova norma supón un retroceso para a Galiza en materia ambiental e denuncian que se vetou a súa participación, sendo unha norma elaborada para a Consellaría de Medio Ambiente por unha empresa privada, desbotando en todo momento a maioría do case milleiro de alegacións achegadas polo movemento ecoloxista.

As persoas representantes da Sociedade Galega de Historia Natural, da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, da Rede Galega de Custodia do Territorio e da Sociedade Galega de Ornitoloxía reuníronse esta terza feira 16 de xullo no Parlamento Galego cos grupos parlamentarios do PSdeG, En Marea e BNG de cara a fortalecer a oposición á nova norma.

Serafín González, pola Sociedade Galega de Historia Natural, centrou a crítica ao borrador da lei no “maltrato do territorio, o esquecemento da biodiversidade e dos espazos naturais protexidos que o proxecto do PP implica”, afirmou.

González sinalou como “incomprensíbel” que con esta lei se estabeleza un límite mínimo para declarar unha superficie como parque natural

Nese sentido sinalou como “incomprensíbel” que con esta lei se estabeleza un límite mínimo para declarar unha superficie como parque natural. “Se este precepto estivese en vigor no pasado, incumpiríano até 5 dos 6 parques naturais que hoxe existen na Galiza”, afirmou González, para quen “o obxectivo da Xunta é claro: que non se declaren máis parques naturais no país”.

Desde as organizacións ecoloxistas remarcaron que esta norma non ten comparación con ningunha lei estatal, “a ninguén se lle ocorrería pór límites ao tamaño dun parque natural e máis tendo en conta que a dispersión xeográfica da Galiza impedirá atopar extensións deste tipo maiores a 10 mil hectáreas (requerimento que a Xunta estabelece para formar un parque natural)”.

Así mesmo, o portavoz da SGH tamén denunciou que esta norma supón o esquecemento dos humidais, “uns espazos moi ameazados”, sinalou.

Para o secretario executivo de Adega, Fins Eirexas, Alberto Núñez Feixoo “busca a necesidade de aprobar esta norma para actualizar a vella do 2001, mais esquece múltiples aspectos da norma anterior polos que aínda seguimos a agardar, como é o desenvolvemento de planos de conservación e recuperación de especies protexidas e ameazadas”, afirmou Eirexas.

O representante de Adega sinalou ademais que “a norma esquece tamén unha problemática que hoxe causa grandes prexuízos no ambiente e economía como son as especies invasoras”.

“Hoxe estamos aquí xa que se vetou a participación dos nosos grupos, unha mostra máis de que a Xunta non quere unha lei consensuada que axude os intereses das galegas e galegos”, denunciou Rivas

A este respecto sinalou que a Xunta óbviaas “coa escusa de que xa hai un catálogo estatal”. Porén, Eirexas trasladou a demanda da creación dun estudo galego destas especies para avanzar nas solucións a esta problemática.

“Din ademais que queren actualizar a lei mais eluden todo o referido á loita contra o cambio climático como é a protección das zonas húmidas ou a ampliación da rede natura”, sinalou Eirexas.

Pola súa banda, Fernando Bandín, presidente da Rede Galega de Custodia do Territorio denunciou que a lei “limita” precisamente a protección e custodia do propio territorio, xa que a Xunta pretende “excluír todos os acordos de doazón de terreos que se incorporen á custodia do territorio e ademais limita a duración dos convenios a só catro anos". A este respecto sinalou que “se plantamos un carballo para reforestar unha fraga non é para que dure catro anos, é para que dure cen”.

Óscar Rivas, da Sociedade Galega de Ornitoloxía, recalcou que a lei non amaña as cuestións que precisaban ser melloradas na norma do 2001 e denuncia que no debate e elaboración do novo texto lexislativo non se tiveron en conta as propostas das organizacións ambientalistas.

“Hoxe estamos aquí xa que se vetou a participación dos nosos grupos, unha mostra máis de que a Xunta non quere unha lei consensuada que axude os intereses das galegas e galegos”, denunciou Rivas.

Após o encontro coas formacións políticas, as e os deputados Luís Bará (BNG), Antón Sánchez (grupo parlamentario de En Marea) e Patricia Vilán (PSdeG) acompañaron na rolda de prensa os portavoces das entidades ecoloxistas.