Bombeiros cargan contra unha Xunta "que non estaba preparada" para os incendios: "As brigadas municipais seguen sen contratar"

Traballos de extinción do lume en Folgoso do Courel. (Foto: Europa Press)
Apropiga desmente "informacións que se ven nos medios" sobre as causas da vaga de lumes e loa o papel da veciñanza: "O pobo que loita por salvar ao pobo".

A Asociación Profesional de Bombeiros e Bombeiras Forestais da Galiza (Apropiga) denunciou esta terza feira a través dun comunicado que o Goberno galego "non estaba preparado" para afrontar a vaga de incendios que axexou o país nos últimos días. Desde Apropiga, primeiro de nada, trasladan o seu "apoio e solidariedade" ás persoas afectadas polo fogo e que sufriron "perdas sociais, económicas, ambientais, ecolóxicas e paisaxísticas que tardarán décadas, mesmo séculos, en recuperarse".

Tamén agradecen o traballo do persoal das brigadas: "Unha vez máis estamos dando o mellor de nós mesmos para combater o lume e defender, ao pé da veciñanza, os bens e as aldeas". Unha veciñanza "sen a cal o desastre sería aínda maior se cabe", polo que loan "o pobo que loita por salvar ao pobo".

Porén, as bombeiras e bombeiros pretenden "desmentir informacións que se venden nos medios de comunicación" a respecto destes incendios. Así, se ben recoñecen os efectos do cambio climático, unha vaga de calor "sen precedentes na Galiza", a "preocupante seca arrastrada desde a primavera" ou os episodios tormentosos que propiciaron varios dos fogos, fan fincapé na escaseza de recursos.

"A Consellaría do Medio Rural, se ben ten activado todo o persoal [en canto a número de medios, é dicir, brigadas, motobombas, postos de vixilancia...], non son certas as cifras se analizamos o número de efectivos reais sobre o terreo", precisan desde Apropiga.

Neste senso, sinalan que hai prazas vacantes sen cubrir, un proceso selectivo "de máis de 200 prazas iniciado no 2019 que a día de hoxe non está rematado", ou "outro proceso de funcionarizacion que mantén a máis de 1.200 persoas traballando nove meses ao ano".

O persoal das brigadas pon tamén o foco noutras cuestións vencelladas á contratación: "Cobertura de postos mediante adscrición temporal ou categoría superior, que non fai máis que 'mover' o persoal sen sumar efectivos; máis de 1.000 traballadores precarizados con contratos de só seis meses ao ano, motobombas paradas pola falta de condutores para cubrir as 24 horas do día en pleno verán, baixas de longa duración e incapacidades que non se cobren, persoal retirado das tarefas de extinción que figura como 'dispoñíbel' para a loita a pé de lume...".

E as brigadas municipais "que tanto aplaude a Consellaría", inciden, "seguen sen contratar a mediados de xullo". "A maquinaria pesada activouse a toda présa unha vez que xa ardía Galiza, desde Cervantes até Verín, pasando por Valdeorras, O Invernadeiro, Palas de Rei ou O Courel entre outros lugares nos que aínda hoxe cheira a fume e se olla a desolación", lamentan.

En consecuencia, urxen un servizo de prevención e extinción que preste servizo "os 365 días do ano" e que aposte na "prevención real, cumprindo e facendo cumprir as leis e traballando na ordenación do territorio".

Pola contra, afirman, a alternativa é "seguir encomendándose á climatoloxía, negando a realidade do futuro que nos levará a seguir perdendo aldeas, vivendas, paisaxes e, se cadra, tamén vidas por mor dos lumes forestais".

Rueda: "Temos o mellor servizo de extinción"

A pesar das críticas recibidas nas últimas datas, tanto a nivel social como político, cómpre lembrar que o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, defendeu que a Galiza conta "co mellor servizo de extinción [de incendios] de España, sen ningunha dúbida", e dixo que iso "volveu demostrarse" na última semana.