Rueda afirma que, "sen ningunha dúbida", a Galiza conta "co mellor servizo de extinción de España"

Pola contra, os sindicatos, as forzas políticas da oposición e o propio persoal das brigadas alerta da "falta de medios" sobre o terreo para combater os incendios.
Alfonso Rueda nunha rolda de prensa após o Consello da Xunta. (Foto: Europa Press)
photo_camera Alfonso Rueda nunha rolda de prensa recente após un Consello da Xunta en xuño. (Foto: Europa Press).

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, defendeu esta sexta feira que a Galiza conta "co mellor servizo de extinción [de incendios] de España, sen ningunha dúbida", e dixo que iso "volveu demostrarse" na última semana.

Fixo estas declaracións após visitar unha explotación gandeira en Abadín acompañado polo conselleiro do Medio Rural, José González, e apuntou ante a prensa que, "despois duns días moi complicados", os lumes están xa "camiño de ser controlados completamente".

Rueda puxo o foco, aliás, na afección das chamas a núcleos de poboación, con arredor de 85 vivendas calcinadas, segundo as últimas estimacións da Xunta desta quinta feira.

Esta evolución favorábel, tal e como dixo o presidente do Goberno galego, débese a que "a climatoloxía está a axudar" logo de varias xornadas de "traballo incansábel" por parte dos efectivos.

Finalmente, Alfonso Rueda confiou en que a evolución da vaga de incendios, que leva calcinadas máis de 31.500 hectáreas —cos do Courel e Valdeorras como os máis grandes con máis de 10.000 hectáreas—, permita que este sexa "un verán moito máis tranquilo".

Críticas de sindicatos, oposición e as propias brigadas

Esta mesma sexta feira tanto BNG como PSdeG denunciaron a "falta de medios" para combater os lumes e urxiron a Xunta a reforzar o servizo.

Aliás, os sindicatos continúan a advertir das condicións nas que está a traballar o persoal das brigadas forestais, con "até doce horas" de traballo nunha mesma xornada. "Só dous ou tres bombeiros teñen que loitar contra un lume en moitas ocasións", sinalan desde FAC-USO.

Comentarios