Aprobado o primeiro paso da taxa turística de Vigo
O Concello de Vigo aprobou esta sexta feira o proxecto de Ordenanza Fiscal sobre o imposto ás estancias turísticas, é dicir, o primeiro paso para activar na cidade olívica a taxa turística.
Após esta primeira aprobación, o proxecto deberá, antes da súa entrada en vigor, pasar as fases de información pública e alegacións, as emendas dos grupos políticos municipais, así como a súa aprobación, primeiro provisional e finalmente definitiva, no pleno de Vigo.
A proposta estima a necesidade da aprobación da taxa ante a crecente actividade turística na cidade, que repercute a incrementar os custos dos servizos públicos municipais. Neste senso, a intención do Goberno de Abel Caballero (PSdeG) estima diferentes contías da taxa en conformidade do tipo de aloxamento turístico, así a taxa para os hoteis de cinco e catro estrelas sería de dous euros.
No caso de hoteis de menor rango e de pensión, a taxa reduciríase a 1,20 por noite, o mesmo prezo que terán que pagar os pasaxeiros dos cruceiros a partir do 1 de xullo de 2027, no caso de que a taxa fose aprobada definitivamente.
Se esta chegase a entrar en vigor, Vigo sería a terceira cidade galega en aprobar a taxa turística, após A Coruña e Compostela, ambas as dúas estrearon este novo imposto, inédito na Galiza até o de entón, en setembro de 2025.
O BNG considera que a medida "chega tarde"
O portavoz municipal do BNG, Xabier Pérez Igrexas, sinalou que a "falta de vontade do Goberno de Abel Caballero fixo que cheguemos tarde". Neste senso, lembrou que o BNG xa propuxo en setembro do ano 2024 a "necesidade" de definir esta taxa turística.
Aliás, o BNG advertiu de que o proxecto formulado polo Goberno local non contou con “ningún tipo de diálogo nin participación”. Nesta liña, consideran que a proposta do Executivo ten un enfoque “preocupante”, posto que “a perspectiva coa que se define esta taxa que obvia os impactos negativos que produce o modelo de turisficación masiva que se está a impulsar nos últimos anos, e que ten unha incidencia moi directa na situación de emerxencia habitacional que provoca a carestía da vivenda”. Polo momento, o Partido Popular aínda non se pronunciou.