Compostela fai un balance "positivo" do primeiro mes coa taxa turística
A portavoz do Goberno local de Compostela, Míriam Louzao, fixo esta segunda feira un "balance positivo" da taxa turística tras un mes desde a súa entrada en vigor na cidade, destacando que "non houbo tantas incidencias como se prevían nalgún sector da hostalaría".
Preguntada polos medios de comunicación tras a súa comparecencia posterior á Xunta de Goberno local, Louzao asegurou que, "como dicían" desde o Concello, as persoas que visitan Galiza "non teñen problema en colaborar con respecto aos gastos que a súa visita produce".
"Por tanto, isto enmárcase dentro da normalidade que existe en moitos lugares do mundo", subliñou. Nesta liña, apuntou que o Concello segue a dar resposta ás dúbidas do sector, aínda que son xa "moitas menos que nos meses anteriores".
Con respecto ás cuestións máis frecuentes, a portavoz local explicou que estas se relacionan coas exencións ou non exencións que, aínda que están recollidas na norma, moitas veces desde o propio sector se preguntan porque teñen dúbidas para matizar ou concretar se algúns aspectos estarían suxeitos a elas. "Aínda que a norma está moi clara", remarcou.
As dúas primeiras taxas turísticas da Galiza
O pasado mes tamén entrou en vigor a taxa turística da Coruña. En ambos os casos oscila entre 1 euro —hostais e pensións— e un máximo de 2,5 euros —hoteis de 5 estrelas— por persoa visitante e noite.
Hai excepcións, tamén coincidentes entre A Coruña e Compostela, como que fican exentos do gravame deportistas federados que acudan a competicións ou persoas que pernoiten por motivos médicos, por pór dous exemplos. A maiores, na Coruña non se aplica este ano a 'cruceristas' e en Compostela non se paga a partir da sexta noite.
