COMUNIDADE SERMOS

Apresentado en Vigo o A Fondo sobre o hospital Álvaro Cunqueiro

O acto tivo lugar na Libraría Andel [Foto: Rubens Rocha]

O autor do traballo, o economista, auditor e avogado Antón Beiras Cal, interviu nunha palestra-coloquio.

Preguntas e respostas sobre o hospital Álvaro Cunqueiro”, baixo ese título decorreu a pasada quinta feira unha palestra-coloquio que tiña por obxecto apresentar o caderno A Fondo homónimo, que foi publicado cando o número 181 do semanario Sermos Galiza, o primeiro publicado após o seu redeseño. O acto tivo lugar na Libraría Andel da cidade de Vigo. Contou coa intervención do autor do texto, o economista e auditor Antón Beiras Cal, que é ademais o avogado da Asociación en defensa da sanidade pública.

Beiras Cal debullou o alambicado proceso de concesión que acabou por converter en privado un hospital proxectado como público e que en 2009 contaba cunha partida orzamentaria da Xunta de Galiza. No HAC todos os servizos non clínicos fican baixo a xestión dunha concesionaria. É esa concesión, para o auditor, a xénese desde cambio de modelo. O custe da mesma supera os 1.400 millóns de euros.

A denuncia diante da Comisión Europea podería resultar na anulación da concesión coa que se privatizou o novo hospital de Vigo

O letrado explicou as causas que levan a promover á asociación que representa a apresentaren unha demanda diante da Comisión Europea, ao consideraren que se cometeron graves irregularidades no proceso de concesión que poderían resultar na anulación da mesma, resolvendo o contrato actual.

Logo da súa exposición abriuse unha ampla quenda de coloquio, na que se formularon preguntas e comentarios por parte do público que ateigaba o local, e entre o que se atopaba o Secretario comarcal de CIG-Saúde e voceiro de SOS Sanidade Pública, Manuel G. Moreira, ou a deputada do BNG, Carme Adán. 

Novo Sermos

O acto serviu tamén de posta en escena para o novo redeseño do semanario na cidade olívica. “Este A Fondo sobre o Álvaro Cunqueiro é unha demostración práctica do xornalismo comprometido coa transformación social que ten por misión Sermos Galiza” explicou Xabier P. Igrexas, secretario do Consello de administración de Sermos Galiza, quen animou a “ler, comprar e subscribirse o semanario” para asegurar a súa continuidade e "impedir que o galego volva ficar nunca máis excluído dos quiosques".