[SÓ EN PAPEL]

A FONDO: Preguntas e respostas sobre o novo hospital de Vigo, por Antón Beiras

O economista, avogado e auditor Antón Beiras Cal despexa neste A Fondo todas as dúbidas a respeito do novo hospital de Vigo. Ao longo das oito páxinas debulla as principais cuestións que xurdiron arredor da construción deste equipamento que cualifica de “privado”.

Antón Beiras Cal, economista, avogado e auditor, é o autor do número 131 do A Fondo, unha edición na que, ao longo das oito páxinas, ofrece unha radiografía técnica e documentada arredor da construción do novo hospital de Vigo. O tamén avogado da Asociación para a Defensa da Sanidade Pública, Antón Beiras deita luz sobre as manobras desenvolvidas pola Xunta de Galiza para privatizar o equipamento.

A través de preguntas e respostas, Antón Beiras explícanos como xermolou o modelo de concesión privada do hospital, que espertou unha forte contestación social por parte da comunidade sanitaria de Vigo e polas persoas usuarias.

Antón Beiras pregúntase se será compatíbel a xestión privada do hospital coa prestación de servizos sanitarios públicos no seu interior

Entre outras cuestións, o autor pregúntase se o novo centro hospitalario de Vigo, do que critica a carencia de laboratorio central e que foi deseñado “cunha bicefalia público-privada”, será quen de cumprir os retos para os que se deseñou. Tamén se pregunta se será compatíbel a xestión privada do hospital coa prestación de servizos sanitarios públicos no seu interior.

Amais de fornecer todos os dados económicos sobre o custo do hospital, Antón Beiras denuncia a redución do número de camas das 1.465 iniciais ás 845 e a caída do número de quirófanos dos 35 iniciais aos 24.

"O contrato tramitouse como se dunha autoestrada se tratase"

A respeito da contratación do hospital, o autor deste traballado monográfico explica que se resolveu mediante “un simple estudo económico financeiro”, malia a natureza e finalidade da obra e malia a contía do seu investimento. Denuncia que a Xunta de Galiza desposuíu o proxecto de construción de todos os requirimentos que a Lei lles impón aos contratos públicos de certa importancia nos que se adxudican obras e concesións á vez que se contratan servizos privados para prestar servizos públicos. “O contrato tramitouse como se dunha autoestrada se tratase”, critica Antón Beiras, quen advirte de que o proxecto “ficou sen os estudos garantistas que a lei impón aos contratos de certa entidade”.

Pola outra banda, este monográfico alerta da falta de credibilidade arredor dun contrato de case 1.500.000.000 euros e denuncia que “o tufo a contubernio nepótico, a escuro chanchullo e a capitalismo de amiguetes é tal que a parte da sociedade civil xa clama polo resgate da concesión”. O avogado e economista di sentirse sorprendido “pola conduta de políticos e altos funcionarios da Xunta de Galiza, tan afastada da mala fe”.

Presentación deste A FONDO en Vigo

Este número do A FONDO será presentado en Vigo a vindeira quinta feira, 11 de febreiro ás 20h na Libraría Andel. No acto intervirá o propio autor, Antón Beiras Cal, após unha introdución do membro do Consello de Administración de Sermos Galiza Xabier Pérez Igrexas.

[O Sermos 181, que inclúe este A FONDO, xa está dispoñíbel na loxa]