ANTóN BEIRAS CAL, ECONOMISTA, AUDITOR E AVOGADO

“O do hospital de Vigo foi un contrato amañado no que se beneficiou o licitador”

Antón Beiras Cal, auditor, economista e avogado, é o autor do A FONDO sobre o novo hospital que publicamos co Sermos Galiza 181, xa dispoñíbel na loxa

O monográfico recolle un documentado artigo de Beiras Cal no que fai unha interesante radiografía arredor dos dados económicos dun hospital que espertou unha forte contestación social. Esta quinta feira, 11 de febreiro, presenta o A FONDO en Vigo (ás 20h na Libraría Andel).

 

Como xurdiu o proxecto do hospital de Vigo?

O Hospital Álvaro Cunqueiro nace para dar servizo a unha área de referencia no sur de Pontevedr, infradotada para dar cobertura sanitaria a unha poboación de medio millón de persoas.

Por que defende que o novo hospital de Vigo é privado?

Porque é propiedade da sociedade concesionaria, que o explota durante un prazo de 20 anos arrendándoo mediante un canon anual ao Sergas. O hospital está no balance da concesionaria e está fóra das contas públicas da Xunta.

Con que obxectivo a Xunta de Galiza optou por un modelo privado?

Co duplo obxectivo de experimentar un modelo novo no noso país (aínda que xa caduco en Inglaterra) de colaboración público privada e tamén de que o seu financiamento non contase como déficit público.

"O modelo privado de hospital custou 217 millóns de euros máis"

Era ese modelo privado o máis barato para a cidadanía?

Non, é moito máis caro: uns 217 millóns de euros.

Que se fixo ben e que se fixo mal na licitación?

Na licitación non houbo transparencia nin libre concorrencia. Foi un contrato amañado no que se favoreceu en diversos momentos o licitador.

Tamén alude no artigo a que non se cumpriron os requirimentos garantistas que recolle a Lei. Pode facerse iso?

De feito, fíxose. A concesionaria incumpriu o prazo construtivo e amplióuselle. Foi incapaz de financiarse no mercado bancario e axudóuselle co Banco Público Europeo de Investimentos.

Por que fala no artigo do "tufo a contubernio nepótico, a escuro chanchullo e a capitalismo de amiguetes"?

Precisamente por iso: porque ao suprimir dun contrato público desa envergadura o principio de libre concorrencia, o que se produce é un concerto entre a Administración concedente e o concesionario.

Poden adoptarse a día de hoxe medidas para corrixir a situación do hospital?

Non é fácil: a bicefalia público-privada só pode decapitarse mediante a rescisión do contrato e o rescate da concesión.

"O dispendio do hospital compromete gravemente as finanzas das xeracións futuras"

Como inflúe o dispendio do hospital de Vigo no futuro da sanidade pública galega?

Comprometendo gravemente as finanzas de xeracións futuras disfrazando de gasto corrente o que é un investimento.

Canto ía custar e canto custou ao final o hospital?

Ía custar 325.460.035 euros e eu calculo en euros correntes de 2014 un custo de case 550.000.000 euros.

Amais das responsabilidades políticas que reclama unha parte importante da poboación, hai quen reclama responsabilidades xudiciais. É posíbel que os responsábeis acaben nos tribunais?

Non o vexo así. No Estado español xudicializamos todo. Eu creo que a opción por un hospital privado arrendado ao Sergas mediante unha concesión é unha opción lexítima do goberno de Feijóo. En Inglaterra construíronse mesmo cárceres con capital privado en concesión. Este asunto é esencialmente un debate político non xudicial.

Como avogado da Asociación para a Defensa da Sanidade Pública formulou unha denuncia á Comisión Europea contra a Xunta de Galiza por posíbel vulneración do dereito comunitario na licitación da concesión do Hospital. Pensa que prosperará?

Estou convencido de que si. De feito, cando a Comisión Europea (que é moi parsimoniosa na admisión de denuncias) a admitiu a trámite e acordou estudar o caso, fixándose o prazo dun ano para iso, é porque aprecia graves defectos incompatíbeis coas directivas europeas relativas a concesións públicas.