Após as eleccións, volven os recortes á sanidade

(Europa Press)
Superadas as eleccións, a sanidade pública non avanza na dinamización da asistencia médica lastrada pola Covid-19 e comeza a consolidar recortes no canto dos reforzos anunciados.

A sanidade pública da Galiza suma novos recortes ao déficit de recursos e actividade acumulados durante anos e agravados pola crise do coronavirus. A denuncia parte das organizacións sindicais e das profesionais da saúde que, após as eleccións do 12-X, non perciben ningún cambio na xestión dos servizos sanitarios, salvo a decisión da Administración de rebaixar o número de camas dispoñíbeis nalgúns centros hospitalarios e a remuda dalgúns recursos propios dos servizos de emerxencias.

"Estamos ante outro verán de camas fechadas e de servizos practicamente idénticos aos de anos anteriores, sen ter en conta a suspensión de actividade que houbo durante estes meses", explica María Xosé Abuín, secretaria nacional de CIG-Saúde. Así, critica que a Xunta manteña a mesma política de estío obviando as consecuencias da Covid-19, sen anuncio nin comunicación oficial de decisións que adopta dun día para outro, sen considerar sequera o persoal afectado polos cambios.

Neste sentido, a CIG denunciou o fechamento dunha planta do servizo de Pediatría do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo tres días despois dos comicios, unha decisión amparada na baixa ocupación "desde hai semanas" que avanzou poucas horas antes de facela efectiva ás profesionais da unidade.

Desde o sindicato sinalan "o interese político" que revela a escolla da data do anuncio ademais de facer fincapé no vocabulario empregado pola Administración para referirse á clausura da planta. Agora, detalla Abuín, "non hai camas fechadas, as camas están aí e utilízanse en función da necesidade; pero a chave está en que esa necesidade tamén é real e que o Sergas non lle dá resposta". Asegura que a planificación prevista polo Servizo Galego de Saúde non difire da doutros veráns sen reparar no incremento das listas de espera e de todas as consultas especializadas, cirurxías e probas diagnósticas acumuladas durante os meses de confinamento.

"Aínda non temos datos oficiais que confirmen o incremento das listas de agarda, pero estamos convencidos de que van ser malos", apunta Emilia Lamas, secretaria xeral de CCOO-Sanidade "sobre todo no caso das probas diagnósticas e das intervencións cirúrxicas, polo fechamento dos quirófanos".

A decisión da Consellaría de Sanidade de non recuperar a actividade de tarde nos hospitais e pórlle fin ás "peonadas" espertou unha nova corrente de protestas entre o persoal sanitario e as organizacións sindicais que, xa antes dos comicios, denunciaron o incremento das derivacións cara á sanidade privada que encerraba esta resolución por parte do Sergas.

Privatización e recortes

Desde CCOO prognostican "catro anos de reforzamento do sistema sanitario privado" para alixeirar as esperas e compensarlle as perdas que declarou durante a crise da Covid-19, mais tamén de "novos recortes". E sinala como proba a retirada da ambulancia medicalizada que desde o mes de outubro tiña a súa base no Hospital do Salnés para darlle cobertura á comarca.

A este respecto a CIG censurou "que o Goberno do PP na Xunta da Galiza comunicase tan só un día despois das eleccións" o traslado desa ambulancia medicalizada desde o hospital comarcal ao centro de saúde de Baltar, en Sanxenxo, desde onde operará a canda outra ambulancia asistencial que o Sergas destinou aí desde o 1 de xullo ao 31 de agosto

. "Non entendemos por que se retira un recurso fundamental para a comarca, polo que loitamos tantos anos, para desprazalo a unha localidade que como outras moitas na Galiza ve incrementada a súa poboación no verán sen que reciban reforzo ningún nin trato diferencial", asevera María Xosé Abuín. Neste caso, di, estamos ante un novo recorte que "menospreza toda a cidadanía e o persoal da ambulancia", pois non foi informado nin das condicións nin do tempo que van ter que traballar fóra da súa base.

Sen reforzo de persoal

Á falta de recursos nalgunhas áreas sanitarias súmanse tamén os humanos. Hai anos eran habituais os reforzos de costa, unha figura que permitía fortalecer desde o punto de vista da saúde aquelas zonas que recibían máis turistas e incrementaban o número de pacientes durante o verán. Nos últimos anos, ante da falta de profesionais, este reforzo decaeu e con el unha resposta axustada ás necesidades reais de cada zona.

O máis habitual estes días nos centros de saúde, sinala Abuín, é "que sexa o propio persoal quen se encargue das axendas dos compañeiros, de vacacións e sen substitutos. Levamos anos reclamando maior transparencia e un plan de ordenación de recursos humanos para coñecer o cadro de persoal do Sergas e as necesidades reais tanto dos servizos de Atención Primaria como de especializada", á vista de todas as xubilacións que se produciron nos últimos anos, as que están por chegar e a evidencia de que as prazas MIR asignadas son insuficientes, e a ampliación solicitada pola Consellaría ao Goberno estatal non chegará até dentro de catro anos.

A estas demandas, Emilia Lamas engade a necesidade de acabar coa precariedade dos contratos ofertados polo Sergas, que afasta moitas profesionais da sanidade pública galega. "A carencia de profesionais da medicina, da enfermaría e de coidados auxiliares de enfermaría é notábel, o que obriga o persoal a cubrirse entre si e mesmo a fechar axendas".

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir da sexta feira, día 16, nos quiosques ou na nube]