Tres días despois das eleccións o Sergas anuncia o fechamento dunha planta de Pediatría do Cunqueiro

O hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
Xerencia alude á baixa ocupación "desde hai semanas".

O fechamento dunha planta do servizo de Pediatría do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, efectuado onte, foi comunicado cun só día de antelación. Así o denuncia a CIG-Saúde nun comunicado, que achaca a escolla da data a un “interese político” e a que o pasado domingo decorreron as elección galegas.

O sindicato critica que a decisión foi anunciada pola xerencia da Área Sanitaria  na terza feira e a "última hora", na xornada anterior á súa posta en marcha, e "sen comunicación previa á representación sindical".

Segundo a central sindical, Xerencia xustifica a súa decisión na baixa ocupación rexistrada na planta "desde hai semanas", polo que conclúe que o fechamento non se comunicou con antelación "para non provocar críticas en período electoral".

Así, cualifican a decisión de "falta de respecto ao persoal" e reproban que non se informase da mesma "coa suficiente antelación". A situación, aseguran, espertou un gran malestar entre os traballadores e traballadoras debido á "incerteza creada" en relación á organización do servizo e como esta afectará á conciliación.

A CIG-Saúde denuncia que a Xerencia actuou "atendendo a intereses máis ben políticos", xa que "agardou a que pasasen as eleccións galegas para anunciar o fechamento da unidade e evitar as críticas".

A central sindical lembra que hai semanas a propia Xerencia asegurou que no presente ano non se fecharía ningunha das plantas do hospital. Isto, recalcan, amosa que o anuncio obedeceu a outros intereses alén dos "sanitarios".

Desde a CIG-Saúde remarcan que esta situación amosa un claro síntoma do que suporán "estes catro anos do Goberno" do popular Alberto Núñez Feixoo que, na súa opinión, se traducirán en "máis recortes e privatizacións".

O pasado 8 de xullo, o sindicato de enfermaría Satse denunciou o fechamento de 400 camas de hospital nos centros galegos, mesmo cando "a Covid-19 segue entre nós". As enfermeiras criticaron que se priorizase o aforro de cartos a costa da saúde e seguridade de cidadanía e pacientes". 

Traslado da ambulancia

Na xornada posterior aos comicios, CIG-Saúde advertiu do traslado da ambulancia medicalizada que dá servizo ao Salnés ao centro de saúde de Sanxenxo. “A Xunta decide trasladala a Sanxenxo, cunha poboación estábel moi inferior e cando este concello está cuberto tamén pola ambulancia medicalizada de Pontevedra", criticaron.