Aparecen unhas 200 troitas mortas no río Ferreira, en Palas de Rei (A Ulloa)

Troitas mortas nun río de Carteire, Palas de Rei (A Ulloa). (Foto: Nós Diario)

Medio Ambiente sinala á “calor e o baixo nivel do caudal” como posíbel causa, e a veciñanza a verteduras na zona

Unhas 200 troitas, de entre 28 e sete centímetros, apareceron mortas no río Ferreira, no municipio de Palas de Rei (comarca da Ulloa), ao seu paso pola parroquia de Carteire, segundo confirmou veciñanza da zona a Nós Diario.

Segundo as mesmas fontes, detrás desta morte masiva estaría a “emisión repetitiva de verteduras” ao curso fluvial do río Ferreira. “E algo que se vén repetindo”, afirman.

Desde a Consellaría de Medio Ambiente confirmaron á axencia Europa Press que, após ter constancia do sucedido, desprazáronse ao lugar axentes ambientais da Xunta da Galiza. Desde o departamento galego, indican que agora analizarán os exemplares para tratar de pescudar a causa do sucedido.

"E estudaranse as posíbeis causas aínda que, polo momento, é pronto para determinalas", precisaron desde a Consellaría de Medio Ambiente.

Estado do río Ferreira, en Palas de Rei (A Ulloa), onte. (Foto: Nós Diario)

Con todo, non descartaron a posibilidade de que, en concreto, "a calor e o baixo nivel do caudal do río poden ter relación co incidente". Unha afirmación que colide coa información achegada por veciñanza de Carteire, e que contrasta coa turbidez que presenta o Ferreira.