A AP-9 precisa que Audasa invista 3,4 millóns de euros en seguridade

A autoestrada do Atlántico nunha imaxe de arquivo. (Foto: Miguel Riopa / Europa Press)

Unha inspección de seguridade do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana revela que hai “elementos susceptíbeis de mellora” no mantemento da infraestrutura galega nos que a concesionaria non estaría a facer o suficiente investimento.

Unha equipa técnica enviada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana vén de realizar unha inspección extraordinaria de seguridade na Autoestrada do Atlántico (AP-9) na que conclúe que se está a cumprir a normativa, mais sería positivo abordar un investimento en manter a infraestrutura.

O estudo di que “hai elementos susceptíbeis de mellora” e cifra en 3,4 millóns de euros o diñeiro que debería destinar a concesionaria ás melloras que precisa a AP-9.

De feito, ao igual que no seu día Audasa demandou unha compensación polas perdas derivadas da caída das viaxes pola Covid-19, o Goberno español tamén requeriu con urxencia á empresa que faga "actuacións de perfeccionamento sobre a infraestrutura viaria para manter os baixos niveis de sinistralidade".

As e os expertos, profesionais independentes contratados polo ministerio, traballaron na instalación entre os meses de febreiro e maio. A súa investigación abrangue 217 quilómetros da parte principal da autoestrada, así como 42 ligazóns e nestes puntos apareceron cuestións de seguridade para cuxa solución se estiman 3,44 millóns.

Rebaixar "aínda máis o risco"

Se ben se recoñece que a siniestralidade nesta infraestrutura é baixa, os fondos -que mesmo poderían saír en parte dos beneficios das peaxes- permitirían “manter os máis altos estándares de seguridade e reducir aínda máis o risco de sufrir un accidente”. É dicir, sería un investimento para atender ao deterioro da vía de altas capacidades derivado do paso do tempo e á adaptación as prestacións actuais.

Malia recoñecer que non son obrigatorias, as técnicas indican que o axeitado sería facer a maioría das obras ao longo deste ano.

Ante estas advertencias, Audasa presentou o seu plan de gasto e chegou a un compromiso para repoñer os elementos de balizamento (97.000 euros) e as barreiras danadas (21.000 euros).