'Aos quatro ventos': Estreleira emprende nova campaña en prol da simboloxía nacional galega

Propjeto Estreleira presentou en Lugo a campaña 'Aos quatro ventos'. (Foto: Nós Diario).
Coincidindo co aniversario da I Asemblea Nacionalista de Lugo, este 18 de novembro, Projeto Estreleira deu a coñecer a posta en marcha dunha nova campaña que arrancará no mes de decembro.

Nos primeiros días do último mes do ano Estreleira estreará una nova campaña para socializar os símbolos nacionais da Galiza.

Sen desvelar moito máis que o nome da iniciativa, Xurxo Longueira explica a Nós Diario que esta nova proposta segue os pasos doutras que no pasado encheron de estreleiras a muralla romana de Lugo, inzaron as rúas de Ourense de estandartes e bandeirolas, ao xeito do que facían as sociedades agrarias no seu momento, ou fixeron ondear a estreleira e a bandeira lusa en terras da antiga Gallaecia.

"Nesta ocasión queremos xogar un pouco coas coordenadas", adianta. 'Aos quatro ventos' é o nome que lle deron á campaña.

Simboloxía nacional

"Queremos reivindicar os símbolos nacionais, principalmente catro piares que consideramos que construíron a identidade galega: a Galiza emigrante, a reivindicación histórica da Galiza irredenta, a conexión da Galiza con Portugal a través da lusofonía e o celtismo".

Estas catro ideas van guiar desde finais de ano até o aniversario da I República Galega, a finais de xuño unha serie de actos, como é costume en Estreleira, escaparán dos escenarios urbanos habituais para levar as súas reivindicacións a tantos puntos que sexa posíbel.

"É importante familiarizar e visibilizar os nosos símbolos nacionais tamén fóra das cidades", recalca Longueira, que sen dar detalles das primeiras convocatorias asegura que terán lugar en "catro puntos cardinais da Galiza: no Norte, no Sur, no Oeste e no Leste".

Estreleira

Desde o seu nacemento, hai dous anos, Projeto Estreleira fixo "un esforzo incansábel por popularizar a nosa bandeira mais emblemática, combativa e recoñecida polo pobo, a estreleira, mais tamén rescatou, para exhibilos, outros emblemas representativos da historia da Galiza, como a serea, "ideada polo galeguismo antifascista e recuperada polo arredismo no século XXI".

Mais tamén a bandeira sueva ou os brasóns das comarcas da Galiza, do Ortegal ao Baixo Miño e de Fisterra ao Bierzo.

En poucas semanas, prometen Estreleira promete unha nova andaina 'Aos quatro ventos'.