Anxo Luxilde: "Non vexo a miña vida futura atada á depresión, o meu desexo é liberarme dela"

Anxo Lugilde (Foto: Arxina).
O xornalista e politólogo Anxo Luxilde (Lugo, 1970) presenta estes días na Galiza 'A vella compañeira' (Luzes). Unha sorte de caderno de viaxes ameno e descarnado, salpicado de episodios históricos, dos que se vale para facer memoria e contar a depresión. A súa, contra a que loita desde 30 anos. Unha chamada a combater o estigma desde a saúde mental.

Despois da escrita, como está a ser este reencontro literario coa 'vella compañeira', neste ir e vir de entrevistas e presentacións?

A escrita sentoume bastante ben. Tiven dous ingresos este ano e ningún foi mentres estaba escribindo, tanto a versión orixinal como a tradución ao galego, que fixen eu mesmo. Corrixir gustoume menos. E agora as entrevistas cansan, pero non as levo mal.  Trato de abrirme o máximo e quedo aplanado. Xa me recomendan non facer máis de dúas diarias. O que levo peor son os períodos de espera, as previas. Teño ansiedade anticipatoria e esperar a que saíse o libro ou agora a que empecen os actos lévoo fatal. 

E unha vez comezan?

Descubro agradecemento e identificación. Ves que axudas á xente, que se achega ás presentacións e interactúa. Xente que non coñeces de nada, que che dá as grazas pola visibilidade e a valentía, que está lendo o libro e que che di que se sente reconfortada, que se sente mellor só con escoitarme. Iso compensa todo. 

Que o moveu definitivamente a contar a súa depresión?

O inicio foi a miña participación no ensaio da psilocibina no que participei no Hospital do Mar de Barcelona en 2019. Fun facendo como un diario para a psicóloga no que ía saíndo todo e converteuse no texto base do libro. 

A dor é salvaxe. O que fai a depresión é quitarche as ganas de vivir en diferentes estadios

Con todo, ese striptease da vida privada non me convencía nada. Entón, coa terceira depresión, decidín dar o paso de saír do armario. E fíxeno por varios motivos: para darlle resposta ao interese da xente. Pola miña propia liberación, para soltar lastre de min mesmo. E porque a xente que me quería foder xa sabía o que tiña. Tíveno claro o día que o presidente da Xunta -Alberto Núñez Feixoo- chorou nun acto porque non podía ir a Madrid. Mentres preparaba as miñas cousas, os de prensa do PP e periodistas afíns burlábanse de 'Luxilde e a pastilla'. Poderíame ter dado igual, pero atopábame bastante mal e sentoume coma un tiro. E iso tamén contou. Por último, e era o último, estaba o de axudar aos demais. Non porque non lle dera importancia, senón porque non pensei que había tal necesidade.

Como é vivir con depresión?

En 30 anos houbo períodos nos que non a sentín. Estaba agochada, á espreita. Outros nos que se me achegou e conseguín escorrentala. Pero a dor é salvaxe. O que fai a depresión é quitarche as ganas de vivir en diferentes estadios. Nos máis iniciais estás desanimado, triste e podes ter algún efecto físico leve, mais segundo vai avanzando pasas a un estado de nihilismo total ou de non querer vivir, porque a vella compañeira diche que así acaba o sufrimento. 

A clave está na dor que sentes, moi difícil de comunicar. É un dos grandes problemas da depresión, a parte da incomprensión, esa dor invisíbel, tan difícil de calibrar e de transmitir.
 
Ter alguén perto capaz de entender polo que estás a pasar marca a diferenza.

Eu tiven sorte. En xeral, gocei de bastante apoio, que foi o que me mantivo no planeta e do que me sento debedor. O gran problema é o depresivo que non ten a ninguén, porque aquí o factor chave é a desesperación. Se tes alguén ao teu carón é un atenuante. Se non tes a ninguén... pode supoñer a morte. 

O que se agocha non existe. De aí a importancia de saír do armario da depresión e nos querer defender. Xa está ben! 

No libro fai referencia á vergoña, á dor corrosiva da depresión. Canto dese sufrimento é resultado do estigma e do silencio social?

O estigma ten moito que ver. E polo que din os psiquiatras, o estigma mata. Seguramente entren en xogo outros factores, pero o estigma agrava a depresión. Ten en conta que o depresivo é alguén que se quere flaxelar, que se quere culpar e que se repite unha e outra vez que é unha merda. Se a sociedade tamén llo di, o resultado é lamentábel. É un círculo atroz. Falamos dunha doenza moi perigosa que provoca máis mortes que as estradas. Cantos cartos se invisten en previr accidentes de tráfico e cantos se gastan en prevención de suicidios

Por que non se inviste en saúde mental?

Seguramente teña que ver co estigma e coa inercia de que a psiquiatría é para xente que está perdida para a sociedade, desafiuzada. Non é que sexa un pensamento moi estendido, pero está moi arraigado. Hai enfermidades raras mais coñecidas que a depresión, porque o que se agocha non existe. De aí a importancia de saír do armario e nos querer defender. Xa está ben! 

Asusta que a xente o vexa como un exemplo?

É unha responsabilidade, pero compensa. A necesidade é mais profunda do que pensaba tamén porque a depresión está moito máis estendida do que pensaba. Seguramente a pandemia axudou, pero ves que lle pode pasar a calquera. E o feito de que sexa tan masiva amosa o grave erro social no trato da depresión. 

A depresión é unha enfermidade totalitaria que te domina e trata de conducirte ao exterminio

Cal é o seguinte paso?

Non vexo a miña vida futura atada á depresión, tamén porque o meu desexo é liberarme dela. Os meus esperan que este libro sexa un impulso para a miña recuperación. Como politólogo digo que estou en transición. A depresión é unha enfermidade totalitaria que te domina e trata de conducirte ao exterminio. Pois eu saio dun estado totalitario e estou en transición cara a democracia, un proceso complexo no que hai contragolpes e disturbios pero tamén un proceso decisivo de ir conquistando parcelas de liberdade. O libro é parte dese proceso. 

"O suicido pódese previr. Deberan ser moitos menos"

O suicidio é a primeira causa de morte non natural. "Pódese e debérase previr. Deberan ser menos, pero cómpre unha mellor atención no sistema público, que é moi deficiente" advirte Anxo Luxilde. "De feito, a maior parte da xente trátase na privada e é moi caro".

"Eu fun a unha consulta de psiquiatría na pública e atendéronme cinco minutos. Practicamente non hai psicólogas clínicas. Nos 30 días que estiven ingresado non vin ningunha. E malia que a psiquiatra me visitaba case a diario, ten que haber atención psicolóxica, porque é unha forma de desmedicalizar". Non é que estea en contra dos fármacos, di. "Son necesarios, pero non poden ser a única arma. A psiquiatría é a irmá pobre da sanidade, conclúe. Investígase pouco e dáse a situación perfecta para o engorde das farmacéuticas".