Anulada na Coruña unha multa no estado de alarma por carecer a Policía de "lexitimidade para confinar"

Un control policial en Ourense durante o estado de alarma (Imaxe: Europa Press)

A Audiencia da Coruña anulou unha multa imposta a un cidadán por un xulgado do penal por desobedecer os axentes que lle requiriron que regresase ao seu domicilio porque estaba a incumprir o confinamento decretado no primeiro estado de alarma, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).

Os maxistrados revogaron a sanción porque entenden que o feito de que o Tribunal Constitucional declarara o pasado mes de xullo inconstitucional o primeiro estado de alarma "priva do respaldo normativo" que sustentaba a aplicación da figura da desobediencia.

En concreto, anularon a multa de 2.166 euros imposta polo Xulgado do Penal número 5 da Coruña ao recorrente e decretaron "o cesamento de calquera medida cautelar ou restritiva imposta no marco dese procedemento".

A Sala tivo en conta a resolución do Tribunal Constitucional a pesar de ser posterior á data da sentenza do Xulgado do Penal número 5 da Coruña e, mesmo, da interposición do recurso por parte do prexudicado.

"O pronunciamento de inconstitucionalidade priva a actuación policial da base xurídica que a lexitimaba"

"O pronunciamento de inconstitucionalidade priva a actuación policial da base xurídica que a lexitimaba", subliñaron os maxistrados, quen aseguraron que a lexitimidade do axente é "a esencia da actuación cuxo incumprimento polo requirido pode chegar a alcanzar natureza penal".

A causa da absolución, por tanto, é allea á acción dos policías. Así, os xuíces incidiron en que o axente debe ter "competencia para ditar esa orde ou mandato", a cal, á súa vez, debe estar "revestida das formalidades legais".

Queda así excluído aquel mandato ou orde "que constitúa unha infracción manifesta, clara e terminante dun precepto constitucional ou legal".

A decisión do Tribunal Constitucional, segundo a Audiencia, "supera o momento inicial no que o cidadán ou particular non pode facer un exame de legalidade da orde ou mandato". Contra a resolución cabe interpor recurso de casación.

Ademais, o 27 de outubro, o Tribunal Constitucional declarou ilegal o segundo estado de alarma.