O 'Pitanxo', a guerra de Ucraína, a inflación, as eivas na sanidade... O mellor resumo de 2022, no Anuario de 'Nós Diario'

Detalles do Anuario 2022 de 'Nós Diario'.
Á venda este sábado xunto ao xornal, ao prezo habitual de 3 euros. Tamén se entregará o libro 'Dar que pensar. Entrevistas irrepetíbeis'.

2022 foi o ano da relativa volta á 'normalidade' após dous anos de fortes restricións sociosanitarias por mor da pandemia da Covid-19. Foi, tamén, un ano para lembrar, dúas décadas despois, a triste pegada que deixou na sociedade galega o sinistro do Prestige. Mais non foron estes, nin moito menos, os únicos acontecementos que marcaron un ano para a historia.

Os visos de recuperación económica tras o duro golpe que supuxo a pandemia desapareceron de súpeto en febreiro coa invasión rusa de Ucraína e o consecuente conflito bélico que hoxe segue a protagonizar boa parte da actualidade informativa. E a galopante inflación derivada da guerra foi outro dos factores chave do ano que está a piques de rematar.

A isto súmase o naufraxio do Vila de Pitanxo, o inzamento de novos proxectos eólicos por terra e mar, as múltiples eivas do sistema sanitario, a vaga de incendios do verán, a masificación turística de Compostela, o Mundial de Qatar... Informacións imprescindíbeis para comprendermos un ano convulso que este sábado, 17 de decembro, poderás consultar de novo grazas ao Anuario 2022 que Nós Diario entrega xunto ao xornal, ao prezo habitual de tres euros.

Este Anuario consta de 64 páxinas a toda cor cos textos e imaxes máis relevantes do ano, así como unha decena de análises de persoas expertas en diferentes campos. Así, o ex eurodeputado Javier Couso asina un texto no que debulla unha multipolaridade "que comeza a concretarse e consolidarse" na xeopolítica actual.

O xurista Fernando de Abel, experto en asuntos de medio ambiente, fai unha reflexión sobre como o desenvolvemento eólico está hoxe no epicentro do debate social, mentres a xornalista Sonia Díaz explica a situación que atravesa a cultura galega.

A "nova orde alimentar" é outra das cuestións que cómpre ter en gran consideración de cara ao futuro, e sobre isto escribe o economista Marcelino Fernández Mallo. A xuíza Paz Filgueira, pola súa parte, aborda a violencia machista desde a óptica xudicial.

O xornalista Antón Losada debulla o actual panorama político, ao tempo que a analista Maruxa Gestoso Álvarez centra o seu texto na concesión do Mundial de fútbol a Qatar.

Ramsés Pérez, educador ambiental, pon o foco nos "avisos" que nos está a dar a Terra no que atinxe ao cambio climático, e a sanitaria Montse Porteiro cuestiona o estado da sanidade pública. Finalmente, a avogada Elsa Quintas fai balance, en materia de conquistas e dereitos lingüísticos, do ano 2022.

'Dar que pensar'

Non esquezas que o Nós Diario deste sábado 17 vén acompañado, alén do Anuario 2022, do libro Dar que pensar. Entrevistas irrepetíbeis, que recompila doce conversas publicadas no Sermos Galiza ao longo da última década con persoeiros de relevancia como Xosé Neira Vilas, Luz Pozo Garza ou Agustín Fernández Paz e que se entregará de balde ás persoas subscritoras e a un prezo simbólico de 2 euros para o público xeral.