Anuario 2020: Unha ollada global a un ano que supuxo un punto de inflexión

Detalle da capa do anuario e mostras de reportaxes seleccionadas.

O sábado 19 de decembro ‘Nós Diario’ vén acompañado dunha publicación especial coa que celebra o primeiro ano de existencia: o anuario 2020, que recolle unha selección das informacións máis destacadas e que inclúe artigos de destacadas figuras galegas en materia política, laboral, económica, social, cultural, memorialística e deportiva. Reserva o teu exemplar, de balde con ‘Nós Diario’, para non ficar sen o máis relevante de 2020, o ano que supuxo un punto de inflexión.

O ano 2020 comezaba para Nós Diario da mellor maneira: convertendo o soño nunha realidade. Aquel proxecto que en novembro de 2017 se anunciaba de maneira pública mediante un comunicado do Consello de Administración de Sermos Galiza S.A. ía virar en tanxíbel. Na noite do 1 de xaneiro millares de exemplares de Nós Diario saían da rotativa para seren repartidos ao largo do territorio galego. Mais a tarefa non concluía e o esforzo seguiríase renovando día a día grazas á confianza das máis de 3.000 persoas que, coa súa subscrición, fixeron realidade o único diario en papel e dixital en lingua galega e coa ollada centrada na Galiza.

Nós Diario sairá o sábado 19 de decembro acompañado dun Sermos Galiza especial: un anuario 2020, con máis de 100 páxinas a cor

Para celebrar o primeiro ano de vida, Nós Diario sairá o sábado 19 de decembro acompañado dun Sermos Galiza especial: un anuario 2020, con máis de 100 páxinas a cor que recollerá unha selección dos contidos xornalísticos máis significativos do ano. Unha escolma das distintas seccións coas que cada día se artella o diario. Ademais de recoller as informacións máis destacadas, pola súa relevancia ou por seren representativas do ano que vence, a publicación incorporará artigos de análise de diversas temáticas realizados en exclusiva para este especial.

O anuario contará coas sinaturas do presidente do Consello de Administración de Sermos Galiza S.A. e conselleiro delegado, Xoán Costa, e mais da directora de Nós Diario, María Obelleiro. Inclúe a escolma dos textos sobre os acontecementos máis salientábeis de 2020 a cargo de xornalistas da redacción, así como análises do escritor e activista David Rodríguez, autor de O canastro sen tornarratos, que ofrece a súa visión a respecto do panorama político nacional; da catedrática de Filosofía no IES Politécnico de Vigo e escritora Carme Adán, autora de Feminicidio, que escribe sobre a pegada da Covid-19 no pensamento e da profesora da Universidade da Coruña, escritora, experta en Sociolingüística María Pilar García Negro, que pon o foco na situación que vive o idioma galego.

Reserva o teu exemplar para non ficar sen el

Tamén escriben nesta publicación especial o economista Joam Romero, que expón a súa visión a respecto do que deixou tras de si 2020 en relación á economía; a responsábel do Gabinete de Economía da CIG, como sindicato maioritario da Galiza, Natividade López Gromaz, que explicará 2020 desde a perspectiva do traballo e o director do Instituto Galego de Análise Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), Daniel González Palau, que ofrece un repaso á xeopolítica a raíz dos acontecementos decorridos no ano.

Ademais, o profesor e filósofo Xoán Carlos Garrido analiza 2020 en relación á memoria histórica, cos sucesos máis relevantes do ano; o escritor, investigador e crítico literario Mario Regueira repasa os fitos da literatura galega nos últimos meses e o crítico de cinema Andrés Castro fai o propio co audiovisual galego. A ollada deportiva chega da man do xornalista especializado na materia Omar Bello.

A escolma

Abre a selección dos artigos que foron publicados en Nós Diario en 2020 unha reportaxe asinada pola xornalista Susana Rois sobre unha das materias que máis marcaría o ano: a ciencia. A información, do 11 de xaneiro de 2020, máis de dous meses antes de se declarar a emerxencia sanitaria pola pandemia da Covid-19, puña sobre a mesa a reivindicación das investigadoras e investigadores galegos predoutorais e posdoutorais, do persoal investigador contratado e do persoal de apoio á investigación, organizados nun colectivo plural e transversal, para alentar as universidades e a Xunta da Galiza a dedicar un maior investimento en materia científica e de I+D+i e para pór fin á precariedade e á emigración. Poucas semanas despois, a ciencia converteríase nun dos maiores protagonistas do ano.

A xestión sanitaria por parte da Consellaría do ramo é outro dos aspectos que trata este anuario, con acontecementos como a destitución da xefa de servizo do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo por cuestionar as instrucións de hixiene e utilización de recursos pouco días despois de declararse o estado de alarma debido ao coronavirus Sars CoV-2. Asinada polo subdirector de Nós Diario, Xesús Manuel Piñeiro, esta unha das informacións máis lidas do ano no diario dixital, ao igual que a conversa entre a directora de Nós Diario, María Obelleiro, e Hugo Babarro, enfermeiro da Unidade de Coidados Intensivos do Hospital Clínico Universitario de Ourense (CHUO). Unha entrevista que tamén inclúe o anuario e na que o especialista explica como é o día a día na primeira liña de combate á Covid-19, con escaseza de medios e coa incerteza dos primeiros días despois tras saltar a pandemia á Galiza. Ademais, en relación á xestión da emerxencia sanitaria por parte do Goberno galego recóllese unha información na que Xacobe Ferreiro recompila os seis principais erros de Alberto Núñez Feixoo á fronte do Executivo galego nas primeiras semanas da emerxencia sanitaria.

A crise nas residencias de maiores foi outra das temáticas máis e mellor traballadas pola redacción de Nós Diario. De aí que ocupen un espazo destacado nesta publicación especial. A este respecto, o anuario rescata a reportaxe de Alberte Mera sobre os fondos públicos que a Xunta da Galiza inxecta nos centros xeriátricos de titularidade privada.

Tamén en relación ás residencias, recupérase unha reportaxe de investigación asinada polos xornalistas Carlos Barros e M. Vilas, sobre o centro de maiores do Barco de Valdeorras, unha das primeiras intervidas polo Goberno galego durante a primeira vaga da crise sanitaria. Ambos os xornalistas debullan unha trama acusada de utilizar este tipo de infraestruturas sociais con fins lucrativos.

Outra das pezas ten a ver coas medidas para a recuperación da actividade social e económica no mes de maio, cando aínda non se coñecía se volverían abrir os centros de ensino no curso 2019-2020. A xornalista Alba Barbadillo explora na información a problemática das familias de combinar a volta ao traballo presencial e as necesidades de coidados baixo a perspectiva de xénero, unha das constantes que rexe o labor xornalístico da redacción de Nós Diario todos os días do ano e non só en datas sinaladas polo calendario.

Inclúese tamén unha reportaxe con información en exclusiva, asinada pola xornalista Raquel C. Pérez, sobre os labores de rastrexo. O 19 de agosto de 2018 saía á luz por vez primeira no panorama mediático galego o nome da empresa encargada desa tarefa: Konecta, con vinculacións co presidente da Xunta da Galiza.

Tamén unha reportaxe de investigación, do xornalista Pablo Barro, sobre a vinculación da familia Mouriño cos acordos fracasados aos que chegara o Goberno de Feixoo coa mexicana Pemex; unha información de Antón Escuredo sobre o impacto do fechamento da hostalaría no sector primario; unha reportaxe do xornalista Fernando Arrizado sobre casos de racismo após o falecemento do cidadán negro estadounidense George Floyd durante o seu arresto pola Policía; unha información de Cilia Torna sobre os fusilados e exiliados da Xeración das Irmandades da Fala, con motivo do centenario da saída do primeiro número da revista Nós; unha reportaxe de Irene Pin sobre o Ano Ricardo Carvalho Calero e outra do xornalista Héctor Pena sobre a relación do xenio futbolístico Pelé coa Galiza. Así até completar unha escolma de trinta textos cos que Nós Diario pon o broche de ouro a 2020.

Un ano de ‘Nós Diario’

Nós Diario fai o seu primeiro ano de vida o 2 de xaneiro de 2021 tanto na súa versión web, actualizada os 365 días do ano, como na versión en papel, que ve a luz de terzas feiras a sábados. O medio celebra este aniversario coa publicación do anuario, que se entregará o 19 de decembro co diario. Todo por tan só 3 euros. Recomendamos reservalo nos quioscos. As persoas subscritoras recibirano no seu domicilio ou ben para a súa lectura na nube.

Este especial coincide no tempo co inicio dunha campaña de subscricións, posto que o esforzo acumulado ao longo de 2020 non pode ficar aí e é vontade de Sermos Galiza S.A. continuar con Nós Diario en 2021 e anos sucesivos. É necesario, así, seguir contando coa colaboración de todas e todos vós, que sodes a única garantía dun xornalismo independente, pois á hora de realizar as informacións só nos debemos ás subscritoras e subscritores e ás lectoras e lectores. De vós provén a autonomía económica que nos permite unha independencia editorial, sen trabas por parte dos Gobernos nin de grandes corporacións empresariais.