Antonio López, reitor da USC: "Hai que traballar sobre o pacto de 2015 para a descentralización de Medicina"
—A UDC demanda unha titulación propia de Medicina alegando que non se cumpriu o 'Pacto pola descentralización' asinado en 2015. Comparte a idea de que non se avanzou o suficiente?
Creo que as bases sobre as que está montado o acordo seguen sendo absolutamente válidas. O esquema era moi claro: hai unha única Facultade e un proceso de descentralización da docencia clínica que tamén contemplaba a posibilidade de que profesores doutras universidades puidesen colaborar nela. Ao mellor non se chegou a todo o que se podía chegar con ese acordo, pero si se fixo moito. Agora mesmo temos toda a docencia do rotatorio de 6º repartida entre A Coruña, Vigo, Pontevedra, Ourense, Ferrol e Lugo. Faltan por descentralizar 4º e 5º, pero había un compromiso xa na Facultade de empezar con 5º no curso que vén. É un proceso inacabado pero no que se deron pasos importantes, e aínda que estamos de acordo en que quedan cousas por facer é o modelo no que temos que apostar. Dicir que como non se avanzou máis a solución é unha nova Facultade non o comparto.
—Sorprendeulle o anuncio do reitor da UDC, Ricardo Cao?
Sorprendeume porque non falaramos nunca de solicitar unha Facultade de Medicina de xeito tan inmediato. Tanto o reitor da UVigo coma min enterámonos na tarde da véspera, nunha reunión coa Consellaría.
—Seguiu en contacto con Cao desde entón para abordar este tema?
Tivemos algunha conversa entre os tres reitores, falamos no seo do Consello de Docencia Clínica, e temos convocada unha reunión para o luns. Sempre estamos dispostos a debater e a falar sobre como podemos mellorar, cara a onde podemos ir... Eu o que defenderei é que temos que traballar sobre as bases dese acordo [de 2015] e avanzar no proceso de descentralización, que creo que é bo para todos.
—O reitor da UDC defende que non pretende "replicar" o Grao da USC, senón "complementar" a oferta actual "abranguendo outros ámbitos da Medicina actual"...
O primeiro que temos que ter claro é se queremos formar médicos ou profesionais doutros ámbitos que teñan a ver coa saúde. Se queremos seguir formando médicos a formación ten que ser transversal e cubrir todas as cuestións relacionadas coa saúde. E, por suposto, na Medicina sempre hai que irse pondo ao día. En Compostela imos implantar unha modificación do plan de estudos para adaptalo a estas novas realidades que xa se está tramitando. O coñecemento en Medicina cambia tan rápido que temos que estar a miúdo modificando os nosos plans de estudos.
—Por que debería manterse unha única Facultade na USC?
A razón fundamental é que se agora creásemos outras facultades públicas de Medicina estariamos debilitando o sistema formativo. É moi importante que os futuros médicos sexan formados por médicos, e para iso, para manter unha Facultade de calidade, fannos falta todos os recursos e todas as capacidades do sistema. Se repartísemos en tres estariamos debilitando moito a formación. A fórmula ten que ir por esta vía; iso si, facendo partícipes todos os hospitais galegos e contando con todos os profesionais para esa actividade formativa.
—A USC mantense firme na defensa dunha única Facultade e a UDC non renuncia a unha titulación propia. Ve posíbel aínda alcanzar un consenso?
Por iso sentaremos a falar, para tratar de avanzar e de buscar unha solucións Pero cando o fagamos habería que pedir que se desactivase a outra vía, porque non sería moi coherente estar buscando outras solucións e demandando ao mesmo tempo unha Facultade. E se se quere falar de descentralización tal e como se falaba no pacto de 2015 debe haber a posibilidade de ter profesores vinculados nos hospitais de Vigo e da Coruña. Este é outro punto inicialmente de discrepancia coa UDC, pois un elemento esencial da base do acordo é que a docencia é responsabilidade da USC, sen prexuízo de que poida colaborar profesorado doutras universidades.
—É partidario de descentralizar a docencia teórica de 4º e 5º?
Hai unha primeira proposta para descentralizar a práctica e, unha vez teñamos os recursos no relativo a profesores vinculados a estes hospitais [A Coruña e Vigo], penso que poderemos avanzar tamén na descentralización desa docencia teórica. Loxicamente, iso ten que ir acorde cos recursos dos que dispoñamos. Pero tamén hai que falar diso, si.
—A sanidade galega, e nomeadamente a Primaria, adoece dunha importante falta de médicos. Precísanse máis prazas en Medicina?
En primeiro lugar, os alumnos que entren na Facultade este curso serán os que se poderán contratar en 2035, porque a formación consiste en 6 anos de Facultade e mais 4 do MIR. Ademais, para determinar o número de prazas que ofertamos atendemos a demanda que nos traslada a Consellaría, que cada ano elabora un informe tendo en conta como vai evolucionar o sistema e que necesidades hai. Os últimos datos din que farían falta entre 300 e 400, e nós estamos ofertando 403. E hai que ter en conta, sempre que se fala de ampliar as prazas en Medicina, que isto ten que ir ligado á ampliación das prazas de formación MIR.
"Ter outro título na pública non descarta que veña a privada"
A irrupción da universidade privada impulsada por Abanca, que xa avanzou a súa intención de impartir unha titulación propia de Medicina, foi un dos factores que precipitaron o anuncio do reitor da UDC, Ricardo Cao. Para o seu homólogo na USC, Antonio López, a apertura dunha nova Facultade de Medicina na pública –neste caso na Coruña– non frearía necesariamente unha futuríbel aposta desde o sector privado: "Non se pode correlacionar. Mentres haxa unha demanda importante de estudantes sempre pode haber esa posibilidade. O feito de que haxa unha, dúas ou tras públicas non tería por que ser impedimento para que puidese xurdir outra privada; e aí temos o caso de Enfermaría, que xa hai oito entre as tres universidades públicas e aínda así parece que podería ir adiante unha proposta privada", asegura.