Anticorrupción acusa Iberdrola de alterar o prezo eléctrico en 2013

Ignacio Galán, presidente de Iberdrola. (Foto: Europa Press)
A enerxética beneficiaríase en 21 millóns da manobra para modificar o prezo de mercado durante 2013.

A Fiscalía Anticorrupción solicitou abrir xuízo oral contra Iberdrola Generación e catro directivos da compañía aos que sinala como responsábeis dun delito relativo ao mercado e contra os consumidores por desenvolver un "artificio" en 2013 que serviu para aumentar o prezo da enerxía provocando un prexuízo de máis de 107 millóns de euros. Por iso, pide até dous anos de cárcere para os catro directivos e unha multa de máis de 84 millóns de euros para a compañía.

Segundo explica a acusación, Iberdrola Generación, "coa finalidade de provocar unha suba do prezo da enerxía eléctrica e prexudicar aos consumidores, ideou e puxo en funcionamento un sistema para incrementar o prezo da enerxía que vendía, máis aló do que debese resultar da libre concorrencia da oferta e a demanda".

Para conseguir ese maior prezo no mercado eléctrico, relata o fiscal, "a partir de 30 de novembro de 2013 e até 23 de decembro de 2013 aumentou, sen causa lexítima que o xustificase, o prezo nas ofertas de enerxía eléctrica correspondente ás súas centrais hidráulicas de Douro, Sil e Texo, a un nivel por encima do prezo de mercado diario que impedía casar as operacións".

Todo isto, recalca o fiscal, "a pesar do incremento que experimentaban neses días os prezos da enerxía eléctrica no mercado de contado, que a situaban ante un custo óptimo de oportunidade".

A acusación expón que "a consecuencia do artificio urdido e levado a cabo polos acusados foi a subida do prezo da enerxía eléctrica en, polo menos, 7,156 euros/MWh", o que supuxo un beneficio de 21.222.818 euros para Iberdrola Generación polos 2.965.779 megawatts que despachou nese período.

Conforme os seus cálculos, tamén se traduciu nun dano económico de 107.340.000 euros, dos cales 10,5 millóns corresponderían á vintena de compañías distribuidoras que constan como prexudicadas na causa, mentres que o resto do prexuízo soportárono os consumidores con contratos a prezo variábel e as compañías de seguro que deron cobertura aos contratos a prezo fixo.

Petición de condena

Así, pide que os acusados indemnicen até un máximo de 107.340.000 euros, conxunta e solidariamente, tanto ás comercializadoras como "ao resto de persoas físicas e xurídicas que acrediten, como consumidores finais de enerxía eléctrica ou garantes dos prezos da enerxía, sufrir ou verse afectados o incremento dos prezos da enerxía no período de 30 de novembro a 23 de decembro de 2013, ambos inclusive".