Antía Vargas: "A xente xa se vai concienciando e continúa a liña de mirar o que compra"

De esquerda a dereita, Uxía e Nuria Benlloch xunto a Antía Vargas (Foto: Antonio Gutierrez).
Antía Vargas Hermida forma, xunto ás irmáns Nuría e Uxía Benlloch Giao, o proxecto "As flores de Greta", unha iniciativa que pon a técnica do ecoprint á altura da creatividade artesanal. Desde o seu obradoiro en Morgadáns (Gondomar) desenvolven esta idea en dúas liñas de traballo. Unha é a colección tenda, composta por pezas realizadas en liño, la, seda e algodón, de uso persoal ou doméstico; e outra a colección de noiva, formada por catro pezas que personalizan con flores.  

-Como nace este proxecto?

A finais de 2017 coñecín a Nuria nuns cursos de artesanía en sombreiros que se realizaban en Pontevedra. Ela fixo tamén un curso de ecoprint nese mesmo obradoiro e comezou a experimentar. Daquela pasaba polo seu taller e comezamos a falar. A idea para o proxecto veu de trasladar as flores dun ramo de noiva a unha prenda de seda. Un día propúxome a min e á súa irmá Uxía montar "As flores de Greta" e comezamos. En 2018 xa estaba a empresa dada de alta. As tres facemos case todo, aínda que os temas administrativos, de comunicación e redes sociais témolo distribuído.

-En que consiste a técnica ecoprint que empregan?

É artesanal e consiste en trasladar os pigmentos de follas e flores a tecidos de orixe orgánica. Nós só traballamos sobre seda, la, liño e algodón. É moi experimental, moito de proba-erro, até adquirir máis coñecementos. As follas non marcan igual nas distintas estacións do ano, dependen da luz que lle dea ou da árbore que sexa. Mesmo pode influír se está perto dun río. 

A técnica sempre é a mesma mais os resultados son moi variábeis. Paralelamente a isto, empezamos a interesarnos polo universo do  minimalismo, a conectar cun novo modo de vida e a pensar que é o que nós podemos achegar para deixar unha pegada da nosa existencia un pouco máis acorde con esta maneira de pensar.

-Que prendas realizan?

En seda traballamos moito os complementos como panos e chales. Despois tamén nos introducimos no mundo dos cadernos de elaboración artesanal, en colaboración cun obradoiro de encadernación de Vigo. Ademais fixemos bastidores decorativos con ese material. 

No caso do algodón facemos bolsas e mochilas. Empregamos só aquel que ten certificado Gots, que garante que o tecido posúe polo menos un 70% de fibras orgánicas, provén de cultivos ecolóxicos, libres de praguicidas perigosos e producidos de maneira xusta.

-De que maneira resumiría a filosofía do proxecto? 

Xurdiu como consecuencia dun cambio vital nas tres. Eu deixara un traballo e buscaba algo novo. Sempre quixen traballar coas mans e sempre tiven curiosidade pola artesanía e era algo que non tiña no meu anterior traballo. Co obradoiro achegámonos á natureza, traballamos máis conscientemente. 

O noso obxectivo é ser sostíbeis e coidadosas co medio ambiente. Greta recicla e consume cada día de maneira máis consciente. É indubidabelmente feminista, todas as nosas clientas son mulleres, e aínda conserva o don de sorprenderse. Buscamos transmitir que as nosas prendas se fixeron con consciencia, con calma e fóra do sistema en serie.

-Que perfil teñen nas mulleres interesadas no seu traballo?

O perfil que vexo máis é aquel que aprecia a natureza e o traballo artesanal, a calidade dos tecidos. Buscamos tamén a súa complicidade a través de Internet, nas redes sociais. Gústanos pensar que as persoas que nos seguen son altamente sensíbeis e son fieis á crenza de que moitas persoas pequenas, desde moitos sitios pequenos, podemos modificar con pequenas accións cotiás e cambiar o mundo.

-Hai conciencia, daquela, como para que a xente razoe cada compra que fai?

A xente xa se vai concienciando e vai pola liña de mirar o que compra. Aínda así queda moito traballo por facer e pola nosa parte de explicar que leva moito tempo e que o prezo vai acorde coa súa calidade.