Edita Rodríguez: "A artesanía é cultura, calidade, e debería contar con espazos que estivesen á súa altura"

Edita Rodríguez Oca é a responsábel do proxecto Jatafarta desde a súa creación en 2008 en Compostela. Do seu obradoiro saen pezas que, partindo do traballo tradicional do coiro, se aproximan á experimentación con novos materiais. A súa obra traspasou fronteiras e ten visitado feiras e mostras en cidades como  Milán, Londres ou Estocolmo, mais tamén está presente en comercios de proximidade.  
Edita Rodríguez situou o seu obradoiro na cidade de Compostela (Jatafarta).
photo_camera Edita Rodríguez situou o seu obradoiro na cidade de Compostela (Foto: Jatafarta).

-Como nace o obradoiro Jatafarta?

Foi aproximadamente hai dez anos, despois de rematar a carreira de Belas Artes. Instaleime en Compostela e abrín o estudio que teño agora. Veño dunha familia de artesás e sempre quixen fuxir dese contorno, mais agarreime a un formato pequeno de empresa e de produción propia onde podía artellar o tema da artesanía co da formación académica. Entrar no mundo do coiro veu por aí. Miña nai e meu irmán traballaban o coiro e o material tíñao na casa, en realidade podía ter traballado outro material.

-As obras teñen moito de artísticas. Foi unha saída creativa?

O que é a maneira de producir as pezas é totalmente artesá. Aínda así ás veces mesturo técnicas doutras disciplinas. Logo, a forma de concibir as pezas quizais teña algo que ver coa formación. Proxecto facer un bolso case como unha escultura, a reflexión vén sendo a mesma. Por ese motivo si que ten algo de oficio, mais artello elementos que teñen a ver máis coa escultura e o deseño. É a razón de que teña pezas que parecen moi minimalistas, que esconden mesmo a propia pegada do oficio como para que non se vexan as costuras. Xogo moito coa xeometría. O coiro asociouse sempre máis a un traballo máis barroco, máis cargado, e eu o que intento é eliminar elementos.

-De que maneira crea as pezas?

Ás veces serve de inspiración a obra dun artista ou a partir dun patrón que xa traballei. Outras sae de maneira accidental. No obradoiro pasan moitas cousas. Facendo unha proba para construír unha peza acabas construíndo outra. Moitas veces son accidentes.

-É un obradoiro tradicional ou é algo máis?

É un obradoiro tradicional. Teño as ferramentas dunha marroquinaría típica, mais conto con moitos proxectos abertos e non quero que o propio oficio me feche. Por iso traballo tamén con outro tipo de materiais, como madeira, e agora mesmo estou facendo experimentos con peles veganas. 

Sempre estou probando. A experimentación gústame moito. Algúns proxectos quedan parados meses ou anos e logo volvo retomalos. O curtido vexetal que emprego eu é material que conserva moi ben as propiedades do coiro, envellece moi ben co tempo. As pezas collen unha vida.     

-Cal e a súa filosofía de traballo?  

Producir dunha maneira sostíbel e local. Interésame a proximidade co cliente, esa persoa que vén a ti e merca unha peza. Darlle a posibilidade de reparala co uso no tempo... estabelecer unha relación de confianza e proximidade coa contorna cando produces e tamén co propio cliente cando vendes. Producir a pequena escala creo que agora mesmo é unha opción e a artesanía ten moito que ofrecer. As grandes producións xeran unha gran cantidade de obxectos inútiles ao redor de nós. Hai que mercar menos e mellor, igual que producir menos e mellor. Gañamos todas e todos. 

-A artesanía está pouco valorada?  

No mundo artesán hai moito por facer. Necesitamos espazos onde vender que non sexan aqueles relegados a unha feira ou unha festa enxebre. Necesitamos espazos que nos dean significados, nos que poidamos ter pezas con certo valor. As producións artesás teñen moito traballo detrás e materiais con moito custo. Os espazos que temos desvirtúan o noso traballo. Están vinculados ao tema souvenir, ao turista. Por iso é moi importante facernos un oco en Internet. A artesanía é cultura, calidade, e debería ter espazos que estivesen á súa altura. Deberiamos estar ligados ao ámbito da moda, da cultura. 

Comentarios