Decorre en Lugo entre os días 6 e 11 de abril

O Centrad conmemora o Día Europeo da Artesanía

Do 6 ao 11 de abril decorrerán os Días Europeos da Artesanía, uns eventos aos que se unen o Centro de Artesanía e Deseño (Centrad) e a Real Academia de Belas Artes, que organiza unha charla para esta terza feira.
Efrén Castro xunto a Idoia Cuesta e Carmen Fieiras na presentación (1)
photo_camera Carmen Fieiras, Efrén Castro e Idoia Cuesta na presentación. (Foto: Nós Diario)

O Centro de Artesanía e Deseño (Centrad) de Lugo súmase á celebración dos Días Europeos da Artesanía, do 6 ao 11 de abril, cunha programación que busca facer visíbeis os oficios artesáns e situar a artesanía galega no marco desta efeméride. 

Así, durante as xornadas, a artesá Carola Carrot dirixirá a elaboración dun mural de esgrafiado na porta principal do Centrad, un proceso para o que se permite a presenza de público no lugar. Trátase dunha superposición de capas de morteiro de cal con cargas de árido ou tinguidas para recortar as superficies de maneira que quedan á vista as capas inferiores e dar lugar a un mural en relevo con contraste de texturas. 

Ao mesmo tempo, no Centro de Cestaría do Paseo do Río Rato desenvolveranse obradoiros de cestaría a cargo de Idoia Cuesta, Lola Tourón e Carmen Fieiras. A restauración de celosías de vimbio vivo, a iniciación á cestaría de medula, a elaboración de estruturas xeométricas coa técnica niño ou a creación de bandexa de vimbio con nó celta serán algunhas das técnicas a experimentar.

O deputado de Artesanía e Deseño, Efrén Castro, explicou durante a presentación deste programa que “se priorizan as actividades ao aire libre, que facilitan que a cidadanía se achegue á artesanía e se interese por técnicas tradicionais que se manteñen”.

Castro tamén fixo mención a que se facilitará “acceso á Colección de Instrumentos exposta de forma permanente no Centrad, unha das mostras máis importantes de Europa no relativo á música medieval e cremos que esta conmemoración é unha boa oportunidade para seguir impulsando o seu coñecemento”.

Conferencia na Real Academia de Belas Artes

Por outra banda, e con motivo do 1 de abril, a Real Academia Galega de Belas Artes dedícalle o Día das Artes Galegas 2020-2021 ao arquitecto Domingo de Andrade. Con este motivo, ás 20 horas deste serán, na sede da Academia na Coruña ten lugar a conferencia "Andrade, proxectista de templo", no programa "Martes das Artes". 

O arquitecto e académico de número José Ramón Soraluce será o encargado de pronunciar este relatorio, no que se contará tamén coa presenza do presidente da Real Academia de Belas Artes, o pintor Manuel Quintana Martelo.

Comentarios