A ansiedade é o problema de saúde mental máis persistente desde o confinamento

A psicóloga Paula Martínez e o psiquiatra Mario Páramo. (Foto: Nós Diario)
No Día Mundial do Sono, neurólogos advirten da importancia de durmir ben.

Esta semana cumpríronse tres anos do inicio da pandemia da Covid-19. O 11 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde (OMS) declaraba a pandemia do coronavirus e, tres días despois -o 14 de marzo-, o Consello de Ministros proclamaba o estado de alerta sanitaria e o confinamento da poboación. Nós Diario conversa con dous especialistas en saúde mental para facer balance sobre o aprendido nestes tres anos: a psicóloga Paula Martínez e o psiquiatra Mario Páramo.

Unha das principais consecuencias que provocou a pandemia e o feche da cidadanía nos fogares, foi o aumento de casos de persoas con problemas de saúde mental. “A pandemia volveunos máis vulnerábeis, foi un amplificador das preocupacións”, explica a este xornal a psicóloga Paula Martínez, do Colexio de Psicoloxía da Galiza. “De repente, chegou unha situación de inseguridade e de absoluta incerteza” da que a moita xente lle está custando recuperarse.

No seu traballo diario, Martínez asegura que está “desbordada”, ao chegar a duplicar, case triplicar, o número de pacientes que atende. “Antes [da pandemia] podía ter unha lista de espera dun mes e medio, hoxe é de oito meses”, salienta.

Pola súa parte, o xefe do servizo de Psiquiatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS), Mario Páramo, sinala que o impacto psicolóxico da pandemia estivo causado por tres cuestións concretas: a restrición de movementos durante o confinamento, a sensación de perigo constante e o propio impacto directo do virus. En cando ao feche nos fogares, o psiquiatra explica que “trouxo problemas de relación na proximidade” e de incerteza “ao non saber que ía pasar”. Cando esta situación foi rematando, “apareceu o esgotamento”, que veu da man “de depresión e do incremento das consultas”.

Con todo, Martínez asegura que, dentro do malo da pandemia, houbo “un cambio de mentalidade”. Agora “está máis normalizada a importancia da saúde mental” e existe unha conciencia social “de que é preciso pedir axuda; ir a terapia xa non está tan estigmatizado” como antes, sostén.

Ambos os especialistas concordan en que o trastorno máis agravado desde a pandemia foi a ansiedade. De feito, a propia OMS indicou o pasado ano que a pandemia provocou un aumento de 25% na prevalencia da ansiedade e da depresión. “Xente que ten medo a morrer, hipocondríacos, trastornos obsesivos compulsivos... vexo moitas persoas con distintos tipos de ansiedade que, non deixa de ser a expresión da falta de control”, asegura Martínez. Así, conclúe que, “sen dúbida, nestes tres anos agudizáronse moito os trastornos de ansiedade”.

Páramo engade ao respecto que, ademais da ansiedade, tamén observa moitos casos de insomnio que, aínda que habitúan ir asociados a esta patoloxía, “ás veces poden chegar por distintas vías ou formar parte de queixas diferenciadas”.

A importancia do sono

Hoxe, no Día Mundial do Sono, Sociedade Española de Neuroloxía advertiu de que 48% da poboación adulta e 25% da infantil non teñen un sono de calidade. Ademais, sosteñen que, polo menos, a metade da poboación ten problemas para conciliar o sono e 32% esperta con sensación de cansazo. Os grupos sociais máis afectados polos problemas de sono son as mulleres, as persoas maiores e os adolescentes.

A xuventude lastra problemas emocionais derivados do encerro

A psicóloga Paula Martínez e o psiquiatra Mario Páramo aseguran que o grupo social máis prexudicado pola pandemia foi a mocidade. “Os adolescentes están nunha etapa evolutiva moi complexa” e o confinamento “fíxoos máis vulnerábeis”, indica Martínez. Nesta liña, Páramo engade que “a xuventude continúa a ter moitos problemas emocionais” derivados “das restricións [de movementos]e a ansiedade" que lles transmitía a familia.

Martínez insiste na necesidade de que se siga dando visibilidade á saúde mental, que a considera “unha materia pendente na sociedade”. Así, reclama ás institucións públicas que se “aumenten os recursos, tanto materiais como humanos, para que máis xente teña acceso a estes servizos” pois, a día de hoxe, “segue sendo un privilexio ir a terapia”.