Anpas Galegas piden á Xunta que adapte os criterios avaliativos de 2º de Bacharelato pola "desigualdade" que crean

Estudantes de Bacharelato do IES Vilar Ponte de Viveiro durante as probas da ABAU nunha foto de arquivo (Foto: Carlos Castro).

Denuncian que o alumnado galego non poida finalizar ese nivel con materias suspensas, criterio que non se dá noutras comunidades.

A Confederación Anpas Galegas presentou esta terza feira un escrito ao conselleiro de Cultura, Educación e  Universidade, Román Rodríguez, no que reclama que se cambien os criterios de avaliación para o alumnado de 2º de Bacharelato debido a "enorme desigualdade" que provoca a existencia de "alumnado con materias suspensas" doutras comunidades autónomas que poderá presentarse á ABAU, mentres que os estudantes galegos "coas mesmas materias suspensas, ou menos" non terán oportunidade.

Así se pronunciaron desde Anpas  Galegas nun comunicado, no que indican que as prazas das universidades galegas cubriríanse cos aprobados galegos nas probas de selectividade e tamén "cos aprobados non galegos que aprobaron as  ABAU mais suspenderon materias en bacharelato" doutros territorios do Estado.

Esta situación prodúcese, segundo expón Anpas Galegas no texto remitido, por mor da Resolución da Xunta do 18 de novembro do 2020, da Secretaría  Xeral de Educación e Formación Profesional, que establecía no seu artigo vixésimo terceiro que "para obter o título de bacharelato será necesaria a avaliación positiva en todas as materias dos dous cursos de bacharelato".

Neste sentido, o documento aceptaba as instrucións do 30 de xullo de 2020, previas á Real Decreto-lei 31/2020 do 29 de setembro, que dispoñía no seu artigo 6, capítulo III, que a decisión de titulación, tanto na Educación Secundaria Obrigatoria como en Bacharelato, "non quedará supeditada á non existencia de materias sen superar", indican.

Nel tamén se especificaba que, para obter o título de Bacharelato, "será necesaria unha cualificación media igual ou superior á requirida para a superación de cada materia".

Así mesmo, Anpas asegurou que non cuestiona "a autoridade da Xunta para actuar dentro do marco das súas competencias", pero apela a pensar "en quen sae prexudicado por este criterio de actuación", que, para eles, é "claramente" o alumnado galego, que "sofre as consecuencias dunha normativa  discordante", elaborada por unha administración educativa "que fixo bandeira desde o mes de marzo de 2020 da necesidade de actuar de maneira homoxénea coa Administración do Estado e coas outras comunidades".

O colectivo quixo lembrar, ademais, a "exigüidade" de prazas universitarias -o obxectivo "fundamental" para o estudantado que cursa 2º de Bacharelato- que provoca que se cubran "integramente" na convocatoria ordinaria e, en consecuencia, as posibilidades de acceder aos graos na convocatoria extraordinaria son "inexistentes".

Así, Anpas  Galegas pregunta á consellería de Cultura, Educación e  Universidade, se é "consciente da posición de inferioridade na que coloca o alumnado galego de 2º de Bacharelato" ou se ten conciencia de que se están deixando as prazas de universidades galegas a "alumnado foráneo que necesita menos requisitos para acceder". Apelan tamén ás dúas promocións de bacharelato antes do cambio á normativa que derive da  LOMLOE "para modificar o que fixo mal neste campo".