As Anpas, preocupadas polos recortes no ensino: "Que país facemos cando fechamos un colexio?"

Mobilización contra o fechamento do CEIP de Baamonde, en Begonte (Foto: Defensa do Colexio de Baamonde).
En pleno período estival, "con nocturnidade e aleivosía", o Goberno galego está a recortar os cadros de persoal de diferentes centros de ensino de cara ao vindeiro curso, unha cuestión que preocupa ás federacións de Anpas da Galiza, que critican o "rotundo deterioro do sistema público", en especial no rural.

A Xunta da Galiza nega que se vaian producir recortes no profesorado de cara ao vindeiro curso 2021-22. Porén, un recente estudo realizado pola CIG-Ensino cifra en 435 as prazas que se perderán a respecto do ano académico precedente, cando se reforzaron os cadros de persoal por mor da pandemia, debido á necesidade de separar o alumnado en máis aulas.

Mais, en comparanza co curso 2019-20, antes de que estoupase a crise sanitaria, desaparecerían en setembro 189 postos. "Estes números serán maiores aos que estamos mostrando, xa que faltan datos de moitos centros galegos [polo de agora consultáronse 50% das escolas de ensino secundario do país] e que serán evidentes ao comezo do curso, salvo que a Consellaría recapacite e modifique os cupos dos centros", salientan desde o sindicato.

Esta nova chega nun momento no que familias e docentes de centros como a escola unitaria de Sabaxáns (Brión) ou o CEIP de Caión (A Laracha) está a alertar dos riscos, tanto sanitarios coma educativos, que suporía o fechamento de diferentes aulas anunciado pola Consellaría de Educación.

A menos alumnos, máis rendemento

As Asociacións de Nais e Pais (Anpa) do país observan con preocupación os movementos do Goberno galego e instan a manter as actuais ratios de mestres: "A pandemia evidenciou que desdobrar o alumnado en máis aulas non só é beneficioso desde o punto de vista sociosanitario, senón tamén no plano educativo, xa que as e os estudantes melloraron notabelmente o seu rendemento ao traballaren en grupos máis pequenos", indica, en declaracións a Nós Diario, o presidente da Confederación Galega de Anpas de Centros Públicos (Confapa), Rogelio Carballo.

Tamén Fernando Lacaci, presidente da Confederación Anpas Galegas, incide nesta cuestión: "Xa vimos como as aulas desdobradas deron un bo resultado, por que non aprendemos da experiencia e o aplicamos de cara ao futuro? Unha aula máis pequena é tamén máis produtiva", engade.

Desde a Consellaría escúdanse en "cuestións demográficas" para xustificar a perda de docentes en determinadas escolas, mais Carballo cuestiona ese argumento: "Nalgunhas poboacións si hai unha caída da demografía, mais noutras o alumnado medra. O investimento en educación debe ser un asunto prioritario, mais vemos como a Xunta o reduce mentres os impostos que achegamos son os mesmos ou maiores".

Visión de futuro

Para Lacaci, o problema reside en que a Consellaría "só pensa no curto prazo" e carece dunha "visión de futuro". "Sempre conducen o discurso público a problemas concretos, mais son decisións que afectarán as vindeiras xeracións. Cando decides fechar un colexio non só botas fóra 30 alumnos, senón os 30 do ano seguinte, e outros 30, e outros 30... Pensan en pequeno e lévannos a iso, a protestar polo fechamento dunha aula ou a marcha dun docente; as árbores impídennos ver a fraga", argumenta.

Sobre o recente anuncio do definitivo fechamento do CEIP de Baamonde (Begonte), critica que se trata dun "capricho do alcalde consentido polo conselleiro [Román Rodríguez]", xa que o centro "tiña estudantes abondo". "Están a estragar o país, porque unha sociedade se vertebra con base en servizos coma os centros de saúde, as residencias e, en especial, os colexios, por onde todas e todos pasamos. Este rotundo deterioro do ensino público afecta todo o país", engade.

Pola súa banda, Rogelio Carballo ve esta cuestión como "unha lousa máis" sobre os concellos do rural: "Temos un problema xeográfico e demográfico. Estamos a padecer perdas irreparábeis, danos ao patrimonio e á organización social por cuestións como a invasión eólica, e o fechamento de centros de ensino só agrava a situación. O único que conseguiremos será baleirar as aldeas".

Aliás, Fernando Lacaci pon o foco nas "desigualdades" existentes entre o alumnado das cidades e o das pequenas vilas: "Se nun instituto da cidade se ofertan todas as especialidades do Bacharelato e nun pobo só a modalidade única, estás obrigando a moitas rapazas e rapaces a mudaren completamente os seus plans de futuro.

O responsábel de Anpas Galegas pregúntase "cantas aulas, colexios e profesorado" foron recortados "de forma sistemática" polos sucesivos gobernos de Alberto Núñez Feixoo. "Debemos compararnos coas cifras de principios de século, non coas de 2019 ou 2020", sentencia.