As oposicións de Educación deixan unha de cada dez prazas deserta

Profesorado de Secundaria. (Foto: Isabel Infantes / Europa Press)
Segundo un estudo elaborado polo sindicato CIG-Ensino, do total de prazas que se ofertaban, 2.286. quedaron desertas 247, case un 11%. Destas, 67% corresponde a especialidades de FP. A cifra de prazas desertas na promoción interna, advirte, supera 80%.

Tras finalizaren os procesos selectivos dos diferentes corpos docentes, a CIG-Ensino vén de facer público un informe no que o sindicato analiza o resultado das oposicións e no que, sen contar as prazas de promoción interna "nas que o habitual é que apenas se cubran", sinalan un elevado número de prazas sen adxudicar.

En total 247 das 2.286 que se ofertaban, un 10,8%. "A cifra de persoas aprobadas sen praza é moi baixa, con respecto ás que se ofertaban, o que evidencia a carencia dun sistema que debería ser de concurso oposición mais non o é", critica CIG-Ensino.

Por corpos, apuntan grandes diferenzas, sendo o de Artes Plásticas e Deseño e o de Mestras onde se concentra o maior número de persoas aprobadas sen praza, e polo tanto, o menor número de prazas desertas.

No corpo de Secundaria e no de Conservatorios a porcentaxe total de prazas desertas "non é moi destacábel”, precisa. Agás na especialidade de Matemáticas, o resto de especialidades nas que máis prazas quedaron sen adxudicar corresponden ao ámbito da Formación Profesional.

Prazas desertas

Así, "67% do total das prazas desertas, 166 de 247, corresponden ao corpo de Profesorado Técnico de Formación Profesional que viu como se incrementaban as prazas ofertadas cunha nova convocatoria que se sumou á de 2020 como solución da Consellaría á situación creada pola LOMLOE coa integración dunha parte do profesorado técnico no corpo de PES".

Mais á vista dos resultados, defende a CIG-Ensino " pódese concluír que a solución da Consellaría de Educación non deu os froitos que os seus responsábeis buscaban, que era a de darlle estabilidade a un colectivo que levaba moitos anos sen poder acceder a unha praza fixa pola ausencia de convocatorias de oposicións".

Desde a CIG-Ensino consideran "urxente" unha reflexión para tratar de determinar a que se debe "esta disparidade de datos e ver como se pode evitar de cara a futuras convocatorias", co fin, engade de erradicar unha situación "denigrante para moitos compañeiros e compañeiras que levan desempeñando favorabelmente o seu posto de traballo durante máis dunha década".

Axustes no profesorado

Doutra banda, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, asegurou esta cuarta feira que "a Xunta porá todos os profesores que sexan necesarios para garantir os protocolos sanitarios e a calidade educativa", pero matizou que haberá "axustes" a preguntas dos xornalistas tras as demandas sindicais para manter todos docentes contratados pola pandemia da Covid.

Román Rodríguez subliñou que o ano pasado fíxose "un esforzo extraordinario por unha situación moi concreta" para indicar que que toca "axustar" eses esforzos cando se tende a unha "situación máis ordinaria".

Ademais, referiuse a "axustes en base á demografía" para lembrar que en Infantil e Primaria "haberá 4.000 alumnos menos".