A nova orde da equipa de Alberto Núñez Feixoo para atender a diversidade nos centros educativos do país é insuficiente porque deixa a un lado os “retos e necesidades” que tiñan as infraestruturas. Hoxe alertou desta problemática a central CIG-Ensino, que considera que o plan pasou pola mesa sectorial “sen que mudase nada substancial” cando se precisaban cambios.
“Regulación burocrática e formal, reprodución e actualización de normas publicadas após o Decreto do 2011 mais sen ningún paso adiante, ausencia de compromiso coa dotación de recursos humanos, materiais e formativos e unha concepción da atención á diversidade supeditada a non incrementar un investimento que interpretan como gasto”, resumiu a representación sindical sobre a orde.
A central denuncia que a Consellaría de Educación continúa a dar prioridade a unha “visión economicista” na que as e os alumnos con capacidades diferentes fican á espera.
Por exemplo, respecto ao documento, pón en dúbida puntos como o feito de que a carga de traballo das e dos educadores sexa a mesma.
“Non se pode atender correctamente a atención á diversidade sen recursos profesionais suficientes e sen unha redución da rateo nas aulas ordinarias cando temos alumnado”, lamenta. De feito, pensa que a Xunta non está a dar conta da “realidade” das infraestruturas académicas.
Para a representación do Ensino, a norma vén a ser unha “declaración de intencións e unha ordenación burocrática e normativa que, como sempre, quedará en papel mollado”.
Supoñen que iso vai ser así porque “vincula a atención á diversidade coa dispoñibilidade horaria do actual profesorado dos centros, a dotación insuficiente de persoal (coidador, intérprete de signos) ou inexistente (sanitario, fisioterapeuta, educador social) e mesmo a posíbel privatización de servizos que son responsabilidade” do departamento que dirixe Román Rodríguez.
O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, entende que a diversidade vaise atender igual que hai case dez anos, polo que a inclusión das estudantes non vai ser tal para os avances sociais que existen hoxe en día fóra do ámbito educativo.