ANPA viguesas ameazan a Xunta cunha "demanda colectiva"

Comedor escolar do CEIP Agro do Muíño (Ames).
Rexeitan o borrador do protocolo que elaborou a Consellaría de Educación para este servizo ao non incluír as súas "demandas mínimas".

Logo de analizar o primeiro borrador do protocolo da Xunta para os comedores e aulas matinais, a Federación Olívica de ANPA (Foanpas) decidiu manter o seu 'plante' á xestión destes servizos até que a Consellaría de Educación inclúa as "demandas mínimas" achegadas polas familias.

Nunha asemblea, o colectivo decidiu deixar de prestar estes servizos ante a carencia dun protocolo específico para a prevención da Covid-19, que reclamou á Xunta xunto cun compromiso por escrito no que esta o exculpe de posíbeis contaxios.

A Federación xestiona en Vigo e na súa área case unha trintena de comedores escolares, alén das aulas matinais e outras actividades extraescolares. Así, a súa decisión afecta a máis de 15.000 alumnas e alumnos.

A Consellaría de Educación remitiu este primeiro borrador, cuxo contido foi rexeitado pola agrupación de familias.

Así mesmo, a Federación advertiu á Xunta de que se non atende as súas peticións formulará unha "demanda colectiva" por "danos morais e económicos".

"Se esta segunda feira ás 14 horas non hai unha resposta positiva ás solicitudes de FOANPAS comezaremos o proceso dunha demanda colectiva das familias ante os tribunais", agregou.