Os servizos de conciliación inician o curso escolar afectados pola Covid-19

Comedor escolar do CEIP Agro do Muíño (Ames).
Co inicio do curso escolar, na maioría dos centros educativos da Galiza botan a andar os comedores escolares baixo a tutela da Xunta, das ANPA ou dos servizos municipais. A obriga de se adaptaren aos protocolos contra a Covid-19 mudou a organización dos espazos e dos recursos, ademais de motivar algunha renuncia.

Co inicio do curso escolar comezan a funcionar, tamén, os programas de conciliación dos que tradicionalmente botan man as familias para adaptaren a súa xornada ás necesidades e coidados  das súas crianzas.

O servizo de comedor é unha das prestacións que maior demanda acumula, mais non é a única. A demanda das familias alentou a posta en marcha de aulas de madrugadores e de actividades extraescolares que atenden a rapazada antes e despois da xornada escolar.

A pandemia de coronavirus adiou até o último momento a organización de cada un destes programas, xestionados segundo os centros por distintos colectivos e Administracións. O protocolo de adaptación á nova realidade provocada pola Covid-19, impulsado pola Consellaría de Educación, converteuse nunha guía común de obrigado cumprimento, mais tamén foi o detonante, xa no mes de xullo, dalgunhas renuncias que se manteñen e que deixan ducias de familias sen solución aos seus problemas de conciliación ou necesidade social.

Problemas de capacidade, custo e responsabilidade

A Federación de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Centros Públicos de Pontevedra (Fanpa) foi a primeira en anunciar que deixaba de xestionar os comedores escolares e o Plan Madruga ante a "imposibilidade" de cumprir as medidas impostas pola Xunta, por razón de capacidade, custo e responsabilidade. Á súa negativa sumouse a da Federación Olívica de Asociacións de Pais e Nais de Vigo (Foanpas). Ambos os colectivos asinaron unha carta conxunta dirixida á Consellaría de Educación na que, ademais de expoñeren os seus motivos, instaban a Administración a resolver as súas demandas. "Estamos dispostos a continuar coa xestión dos servizos sempre que se garantan as condicións de seguridade sanitaria, atención a todos os usuarios, un custo asumíbel polas familias e non se agrave a xa limitada capacidade de xestión das nosas organizacións".

Nos últimos días, Fanpa chegou a un preacordo coa Xunta para restabelecer o servizo de madrugadores e comedor unha vez a Administración galega aprobe o protocolo de seguridade elaborado polo colectivo e confirme un apoio  económico que garanta a prestación do servizo.

Sen solución

Pola contra, Foanpas mantén a súa posición. "Neste momento, non empezamos", asegura Rute Pallares, voceira da federación olívica. "O protocolo da Xunta di claramente que a responsabilidade de realizar a adaptación dos comedores e das actividades complementarias é das ANPA, que tamén deben asumir a responsabilidade sanitaria. Levamos moitos anos reclamando que debe ser a Administración competente quen lidere a provisión dos servizos de conciliación ás familias. É o momento de parar e recordarllo, xa que esta prestación fundamental non pode depender da voluntariedade das familias".

A renuncia de Foanpas afecta a 27 centros e a perto de 2.000 crianzas, sen solución ningunha ,a falta dunha vía de diálogo cos responsábeis de Educación que mude as condicións actuais.

Noutros centros e localidades, a iniciativa das ANPA é complementaria da xestión directa que fan dos comedores e dos programas de conciliación ben a Xunta da Galiza ben os concellos.

Xestión municipal

O de Ames encárgase dos comedores mais dos programas Bos Días e Tardes Divertidas en cinco colexios e dúas escolas unitarias, nas que tamén ofrecen servizo de comedor. En total, atenderá 1.875 nenas e nenos distribuídos en grupos de convivencia estábel en diferentes quendas e espazos, incluídas aulas, para garantir as distancias de seguridade e as dinámicas das clase burbulla, unha exixencia que obrigou a reforzar os equipos de limpeza e de coidadoras. 

En Sada, a Administración local tutela o comedor dun dos tres centros da vila. "O gasto na adaptación dos espazos e na organización dos grupos vai ser continuado", asegura a concelleira de Educación, María Nogareda, quen asegura un investimento inicial "impresionante" en pantallas de protección, xel e reforzo de persoal, "por riba do que marcan as cotas, para atender todas as quendas e grupos de convivencia".

Comedores da Xunta

Os comedores xestionados pola Xunta traballaron na mesma liña baixo a dirección dos propios centros. Desde a ANPA do CEIP Ría de Vigo, en Oia, recoñecen o sobreesforzo do profesorado por acondicionar o espazo e a repartición do alumando. "Toda a responsabilidade recae no equipo docente, desbordado por todo o traballo que implica preparar o centro ante a Covid-19. Aínda así, este ano atenderá 180 crianzas en dúas quendas a canda un grupo de pais e nais voluntarias", mais numeroso que outros anos, recoñece Rebeca Costas.

O Ría de Vigo conta con cociña propia, ao igual que o CEIP A Rabadeira, de Oleiros, cuxas familias trasladaron esta semana a súa preocupación pola xestión do comedor escolar, con capacidade para 300 nenos e nenas. "Estamos pendentes de que a dirección nos explique os detalles do funcionamento e das necesidades de persoal asociadas aos novos horarios, á distribución do alumnado por quendas e ás esperas nas aulas despois de xantar", explica Iria Barreiro, membro da ANPA, que calcula un mínimo de 24 monitores para atender as crianzas. "Pais e nais voluntarias aínda pendentes de asegurar".