Denuncian o "abandono" da Xunta ás familias

As ANPA de Vigo manteñen o fechamento dos comedores

Un comedor escolar nunha imaxe de arquivo (Europa Press).

A Federación Olívica de Anpas denunciou esta cuarta feira o “abandono” da Xunta da Galiza ás familias e ratificouse en manter o pechamento da xestión dos servizos complementarios, como os comedores escolares, a aula de madrugadores e as actividades extraescolares que viña realizando nos últimos cursos.

En rolda de prensa, o presidente de Foanpas, Miguel Álvarez, trasladou a posición das asociacións, que foi aprobada nunha asemblea que decorreu nas últimas horas e logo de que a Consellaría de Educación “non fixese nada” a respecto das súas demandas.

A Federación lembrou que, entre as súas peticións, está a contratación de profesorado para poder baixar a ratio de alumnado e garantir a súa seguridade sanitaria e a supervisión por parte de inspectores de educación e sanidade dos protocolos que se van aplicar en comedores e actividades extraescolares que viñan xestionando as Anpas. 

“A responsabilidade do que suceda debe ser da Xunta, de ningunha maneira das Anpas”, sinalou Álvarez, quen lembrou que as asociacións que representan as familias e as directivas dos colexios poden “colaboraren” na adaptación e aplicación dos protocolos, mais non asumir enteiramente a responsabilidade sobre a eficacia dos mesmos”.

Foanpas insistiu en que a ausencia dos servizos complementarios supón “un problema” para as familias, do que responsabiliza a Administración. Lembra que, só en Vigo, hai 2.500 nenas e nenos que acoden a comedores xestionados por Anpa, ademais doutros milleiros de usuarias e usuarios de actividades extraescolares e de aulas de madrugadores.

Reunión co BNG

Membros de Foanpas mantiveron no día de hoxe un encontro coa deputada do BNG Alexandra Fernández e co concelleiro nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, quen lles trasladaron o seu total apoio ás demandas formuladas.