Anova organiza un debate sobre a enerxía como inauguración dun ciclo de palestras para facer "un diagnóstico do país"

Muíños eólicos de gran tamaño a carón dunha explotación gandeira no parque Pico del Cuervo, El Cogollu, Asturies (Asociación libre de mulleres a Cooredoira).
Este ciclo de palestras ten por obxectivo "darlle voz aos colectivos que opoñen resistencia ás políticas promovidas pola Xunta" desde hai 13 anos.

Anova inicia este sábado un ciclo de palestras coa que a formación nacionalista pretende facer un “diagnóstico do país”. O primeiro destes debates tratará sobre a problemática da enerxía, baixo o título 'Resistencias e alternativas ao modelo de implantación de enerxía eólica na Galiza'.

O encontro decorrerá a partir das 10.30 horas no Hotel Compostela. Desenvolveránse tres mesas redondas nas que participarán representantes de asociacións ecoloxistas (Aranza González de Asociación Aire Limpo; Ana Varela, da Asociación Petón do Lobo; e Nery Díaz, de Ecoloxistas en Acción) para abordar os movementos sociais, nunha mesa moderada polo ex deputado Antón Sánchez.

Nun segundo debate sobre perspectivas xurídicas participará o histórico político nacionalista Xosé Manuel Beiras, en calidade de catedrático de Estrutura Económica; Marta García, catedrática de Dereito Administrativo; e Xosé Allegue, arquitecto e analista de políticas territoriais. A mesa estará moderada pola concelleira de Vigo Oriana Méndez.

Xa na última mesa sobre modelos "alternativos á privatización do vento" participarán un representante de ERC aínda por anunciar e o parlamentario de EH Bildu Mikel Otero, nunha mesa moderada por Alberto Lema. O acto fechará cunha intervención do portavoz da formación, Martiño Noriega.

"Dar voz" á oposición á Xunta

Segundo explican desde Anova, este ciclo de palestras ten por obxectivo "darlle voz aos colectivos que opoñen resistencia ás políticas promovidas pola Xunta" desde hai 13 anos.

"A degradación dos servizos públicos, a vivenda ou o modelo extractivo privatizado dos recursos forestais, a problemática forestal ou a precariedade endémica ou o brote do novo fascismo", son algúns dos temas que se abordarán nas mesas redondas que arrincan este sábado.

De forma paralela a este diagnóstico, Anova aspira "achegar" unha "alternativa ao paradigma neoliberal hexemónico na Galiza" e "servir de catalizador dun cambio político que se torna cada día máis urxente no país": "Un modelo baseado na defensa do común, recuperación do público como motor da economía e como garante dos dereitos básicos como a sanidade ou o ensino público e de calidade".